Manuel Pereira Valcárcel: “A miña poesía, a miña literatura xorde da vida”

EntrevistaManuel Pereira Valcárcel de Carlos Loureiro a Manuel Pereira Valcárcel en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): A nosa literatura xa está moi afeita dende antano a se ter que agrupar fóra debido á nosa diáspora… Vista dende dentro desa circunstancia por unha persoa coma ti, que finalidade pretenden eses agrupamentos culturais? Compromiso, reivindicación, autodefensa polo presunto esquecemento que produce esa separación, non perder o cordón umbilical coa nai…?
– Manuel Pereira Valcárcel (MPV): Coido que hai un pouco de todo e considero que esa diferenza de matices que sinalas é a que fai que sexa un tipo de agrupación ou outra. Digamos que existe un abano grande de posibilidades, dende asociacións que teñen como único fin celebrar unha especie de nostalxia gastronómica, até as que son de carácter reivindicativo e político. En calquera caso, sempre responden á necesidade de manter viva a luz da orixe. (…)
– NG: 1996, creades en Madrid o “Grupo poético Bilbao”. Que foi e que importancia tivo este grupo poético? Por que esta denominación se a finalidade e configuración do grupo tiña como referente a nosa literatura galega?
– MPV: Eu non son, estritamente, dos creadores. Incorporeime á segunda xuntanza no Café Comercial, sede dos nosos encontros mensuais. O feito de estar ese café na glorieta de Bilbao, serviu de motivo para que Vicente Araguas o bautizase con ese nome.
O grupo serviu de base para o encontro de escritores galegos en Madrid; tamén propiciou a organización de recitais, publicación de libros, homenaxes, participación en actos para o Día das Letras Galegas etc. E segue ofrecendo esas actividades, xa que, por fortuna, se mantén vivo. (…)
– NG: A pesar de escribires dende sempre poesía, narrativa… a túa irrupción, cando menos no que respecta á publicación, foi en lírica. Hai algunha explicación para esta circunstancia ou foi simplemente puntual? Non podemos esquecer que tras isto case pasas a ser coñecido realmente como “poeta”…
– MPV: Escribo dende o principio poesía e narrativa de xeito simultáneo. Pero o primeiro libro concibido e escrito como conxunto é de poesía. Sen ningunha razón particular.
É verdade que predominan as obras poéticas. Dende ese punto de vista é correcta a túa apreciación de que paso a ser coñecido como poeta; aínda que sería máis exacto sinalar que son menos “descoñecido” como poeta…
– NG: Para entendermos a poesía, o que é a poesía, de/para Manuel Pereira temos que tomar como referentes aqueles dous primeiros poemas da túa primeira obra publicada (Poemas de cinza) ou aquel concepto primixenio de poesía foi mudando co pasar do tempo?
– MPV: Aqueles poemas seguen vixentes. Tamén o poema final de “Inventario de fragmentos” que di “Escribir para gardar os recordos e que o/ tempo non leve máis ca o seu.”
En definitiva a poesía aparece motivada por múltiples causas, mesmo ás veces contraditorias. Unha mestura de sensacións nas que predominan, no meu caso, o que se sente e o que se perde.
– NG: A experiencia, as vivencias… nunha palabra, o existencialismo, obra como base na maior parte da túa obra poética… Serías quen de escribir unha obra sen este principio, digamos de base claramente vangardista?
– MPV: Un personaxe meu de Traxectos curtos di que non pretende ser a “cabezalla de ningunha vangarda” e nese aspecto estou de acordo con el, cousa que non sempre sucede.
Poderiamos discutir se unha obra realista pode ou non estar en vangarda, pero non é o momento. Eu confórmome con deixar o testemuño da miña voz, coma un camiñante deixa a marca dos seus pasos. (…)”