Fran Alonso: “Se perdemos a capacidade de ironizar, de provocar, a arte é un servizo funcionarial”

EntrevistaFran Alonso de Montse Dopico a Fran Alonso en Praza:
“(…) – Praza (P): Foi, así, na práctica, autoedición. Ti maquetaches e buscaches audios, vídeos, links… Como foi ese proceso de edición do libro [Poétic@.gal]?
– Fran Alonso (FA): Efectivamente, eu maquetei e busquei absolutamente todos os materiais, ligazóns, vídeos e recursos. Foi un proceso lento e, sobre todo, interminable, porque a cada paso íanseme ocorrendo novas cousas que engadir. É un traballo de asociación de ideas tan sedutor que te absorbe ata tal punto que tes que poñerlle punto final para que non sexa infinito. En realidade foi un proceso moi fascinante, que me serviu para aprender a potenciar o texto a través da tecnoloxía e dos recursos alleos que están a disposición do público na rede. Eu buscaba un perfil o máis innovador posible sen perder nunca as posibilidades de conectar cos lectores e lectoras. Nese sentido, identifícome co que me dixo un bo amigo, tamén escritor, por correo electrónico con respecto a Poétic@: “xa desapareceu ese aroma a experimento, propio das instalacións virtuais”. Eu non o pensara pero, efectivamente, creo que é preciso innovar transmitindo a idea de que estamos diante dun novo camiño e non dun novo experimento, algo frecuente na literatura electrónica noutras linguas.
– P: Máis que poemario, é instalación poética, explicas. Con estrutura de arañeira. Uns poemas remiten a outros, de xeito que o libro pode lerse de varias maneiras, con voltas adiante e atrás, saíndo e entrando nos poemas a través de links, vídeos… É a fragmentación propia da era dixital. Como agardas que se lea o libro, nese sentido?
– FA: Eu reivindico a autonomía absoluta dos lectores e lectoras. Feito público, o texto deixa de ser meu e cadaquén faino seu como desexe. A deseñadora e mais eu trazamos unha vertebración tradicional, con paxinación e mesmo un certo sombreado de páxina. Iso convida a unha lectura ordenada e garda relación co libro en papel. Pero unha vez que comezas a lectura e interactúas, acabas saíndo do itinerario convencional e creas o teu propio itinerario. Eu creo que Poétic@ dá esa enorme liberdade para que cadaquén poida lelo como queira. A lectura cambia moito se se prescinde, por exemplo, das ligazóns, porque engaden novos significados e outras dimensións. Ás veces, mesmo contradín as teses iniciais. Pódense facer lecturas textuais, lecturas gráficas, lectura hipertextuais, lecturas de audio… ou todo conxuntamente en itinerarios á carta. Na rede, o protagonismo dos lectores e lectoras aumenta exponencialmente. (…)
– P: Un dos xogos máis presentes é o que ironiza sobre a relación do creador ou creadora co mercado. Se a poesía é libre por ser minoritaria e non vivir sometida ao mercado, cando liberamos a narrativa?, pregunta un poema. O poeta en paro ofrécese para escribir poemas. O propio libro ofrécese para a súa venda, en prezo crecente segundo avanza o poemario. Cal é e debe ser a relación dos poetas co mercado?
– FA: É que eu creo que ese tipo de discursos son moi contraditorios e este libro o que fai é, precisamente, poñer de manifesto moitas contradicións. Se, con respecto ao mercado, a poesía tivese as vendas da narrativa e a narrativa as da poesía, nesas condicións a narrativa sería considerada a literatura “liberada”. As perspectivas enganan moito. Por outra banda, o “malditismo” tamén é valorado cun plus extraliterario de literaturalidade, de autenticidade. Ora, non existe ningún tipo de relación canónica nin preestablecida da poesía ou do poeta co mercado igual que non existe tampouco unha relación canónica do narrador co mercado. Tamén hai narradores “malditos”. Todo depende de cales sexan os obxectivos, as prioridades, as intencións e o espírito dos e das creadoras. En calquera caso, na miña opinión, cadaquén debe ter claro o que pretende. Outra cousa moi distinta é a relación que unha literatura en lingua minorizada establece co mercado. Aí os condicionantes están por riba de calquera tipo de vontades. (…)
– P: Hai outros temas de fondo: poesía e xénero, poesía e nación (o poeta nacional), poesía e revolución social… Que quixeches salientar, en concreto, sobre estas cuestións?
– FA: A miña intención era cuestionalo todo, poñer as cousas patas arriba, como diría Galeano. Efectivamente, busquei cuestións moi emblemáticas para facer que os versos tremesen nos ollos das persoas que os lesen, como cando treme a terra, para facernos sentir inseguridade, para deixar claro que as aparencias enganan. E fíxeno, evidentemente, desde o humor, desde o sarcasmo, que durante tanto tempo desterramos da nosa literatura porque unha certa posición defensiva nos obrigaba –nos obriga– a permanecer á espreita. En calquera caso, se alguén me vai matar, que vexa o meu sorriso irónico, por favor. (…)”