Diego Ameixeiras e Ana Acuña, Premios Losada Diéguez

DesdeAna Acuña Sermos Galiza:
“A nova novela de Diego Ameixeiras, Conduce rápido, é o libro de narrativa escollido polo xurado do Premio Losada Díéguez para a súa 30ª edición na modalidade de Creación Literaria. Da obra de Ameixeiras, o xurado destaca, entre outros valores, a “proximidade da linguaxe ao público máis novo”, ademais do retrato de personaxes contemporáneos e a boa recepción que a obra tivo entre lectores e lectoras e tamén no ámbito da crítica. Novela negra ambientada en Compostela, crónica social e de sucesos na que Ameixeiras dá un paso adiante na liña que inaugurou con Historias de Oregón e seguiu en títulos como Matarte lentamente, Todo Ok ou Dime algo sucio, o seu anterior libro.
En canto ao premio de Investigación e Ensaio, o xurado do Losada Diéguez optou por destacar a obra Conciencia política e literatura galega en Madrid, de Ana Acuña ao tempo que destaca o seu rigor no estudo da presenza de galegas e galegos en Madrid no período 1950-2000. Os premios entregaranse o vindeiro 13 de xuño no pazo da familia Losada en Boborás.”