Rexina Vega: “Deberían desaparecer todos os premios literarios”

EntrevistaRexina Vega de César Lorenzo Gil a Rexina Vega en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Cales son esas distorsións?
– Rexina Vega (RV): A primeira, a que vive o lector. Actualmente temos un sistema en Galicia que só pensa no lector obrigado de lecturas recomendadas nos centros de ensino. Confiar todo ao lector adolescente é un erro a medio prazo. Creouse unha burbulla na Literatura Infantil e Xuvenil, que con todos os respectos, é unha literatura menor. Isto supuxo favorecer un modelo de literatura-lectura fácil. E mentres tanto, o lector adulto que procura literatura de maior nivel, apártase do libro en galego. Nese ámbito perdemos a carreira.
E segunda, a que vive o propio escritor. O tempo que media entre a redacción dun orixinal e a súa publicación en Galicia anda agora mesmo ao redor dos dous anos. É moito tempo. Impídese o diálogo entre o autor e a sociedade no tempo real da creación da obra literaria. Non é normal que teñan problemas para publicar autores consagrados, de todas as xeracións. Investiuse moito en crear capital simbólico con determinados nomes que agora teñen que deitar a súa creatividade na gabeta. (…)
– B: Para outras persoas, o que se estraña é máis innovación na literatura, máis autores que fagan evolucionar o galego literario.
– RV: Se a literatura galega ten sentido é polo seu carácter de modelo de resistencia. Coido que neste momento, a característica principal da nosa sociedade e da nosa lingua é a súa personalidade híbrida. A creatividade literaria ten que asumir ese hibridismo. Galicia é un espazo transcultural. Por este motivo xorde unha nova esquerda que busca novos enfoques de transformación social máis axeitados para un país mestizo que xa non encontra eficaces mensaxes anteriores baseadas en certa “autenticidade” ou “pureza”. A lingua literaria ten que dar tamén ese paso. Hai exemplos máis, digamos, clásicos, como Suso de Toro, que soubo captar este concepto. E outros máis novos, caso de Rosa Enríquez, unha poeta que mestura o galego co castelán e o francés, por exemplo. A partir da nosa oralidade ten que nacer unha nova lingua literaria. Desde a órbita académica vaise na dirección contraria. Reivindícase o “galego de verdade”, cunha expresión cada vez máis en consoancia co portugués. A min non me interesa o galego de verdade, interésame a lingua como ferramenta de comunicación hoxe e agora. Neste país a literatura confundiuse moitas veces coa filoloxía e non ten nada a ver, na realidade. O que fai falta é literatura arriscada, que sexa capaz de actualizar o idioma e facelo evolucionar como ferramenta expresiva.
– B: Debería tomar maior responsabilidade a crítica literaria na esixencia aos autores dese pulo cara a adiante?
. RX: A crítica galega ten os mesmos defectos que calquera outra crítica. A diferencia é que somos poucos e estamos todos demasiado perto do poder, dos poderes. E iso ten como consecuencia que asinemos un pacto de silencio que garante a protección. Dáse un riquiñismo, un falso riquiñismo en realidade que agocha unha enorme mesquindade. Igual que nos últimos anos se buscou consolidar un determinado tipo de lector adulto, na crítica tamén houbo unha tendencia xeral a eliminar dos medios de comunicación as valoracións negativas das obras publicadas. Esa tendencia triunfou, agás excepcións. Isto non é bo, denota debilidades. Son necesarias as críticas negativas e non é lexítimo calar cando algo non se escribe ben. O debate, a crítica sincera, son síntomas da vitalidade dun sistema. Cando as verdades se calan é que estamos mortos. Agora mesmo fai falta máis valentía, máis francotiradores. (…)
– B: Esa “obsesión” polas vendas tamén se traslada aos premios literarios?
– RV: Os premios literarios deberían desaparecer. Todos, tanto os que sinalan obras xa publicadas como os que galardoan orixinais inéditos. Os premios son outro factor de distorsión no sistema galego. Amosan a enorme desorientación que existe en canto aos criterios de calidade. Fixémonos neste ano e vexamos que cada premio valorou unha cousa diferente. Como pode ser? Non debería haber certa unanimidade cando aparece unha obra mestra? E, pola contra, coma un paradoxo, un dos problemas dos premios é que están controlados por moi poucas mans. Mans de intermediarios literarios entre os que non houbo renovación nos últimos vinte e cinco anos. Son eles os que deciden que é visible e que pasa desapercibido. Como é posible que estean aí os mesmos nomes que no 1990? Os mesmos axentes refrendan ano tras ano as mesmas obras de autores cos que comparten idade, xeración ou intereses. Xa non coñecen os gustos das xeracións máis novas. É urxente unha remuda. (…)”