Malores Villanueva: “Hai que apostar pola pedagoxía e polos discursos que non exclúan”

EntrevistaOLYMPUS DIGITAL CAMERA a Malores Villanueva en Quilombo Noroeste (Brasil):
“(…) – Quilombo Noroeste (QN): Nos anos 50/60 a literatura galega renace aos poucos após os difíciles anos de posguerra, co impulso tamén da Editorial Galaxia, e con moitos camiños por percorrer. Hoxe temos unha literatura consolidada. Cales son hoxe os retos de futuro da nosa literatura?
– Malores Villanueva (MV): Hoxe temos unha literatura consolidada e que debe posicionarse sen complexos fronte a calquera outra. Ó meu ver temos unha poesía de máximo nivel e unha narrativa que loita por gañar visibilidade. Os retos teñen que ser moitos, quizais o primeiro unha boa dose de ambición e de autocrítica para avanzar. Hai que buscar estratexias efectivas para romper teitos e gañar espazos. Non son das que cre en encher ocos, pero si boto en falta certos discursos, certas obras que seguro que están, pero que non teñen fácil saída porque quedan asolagadas pola onda do momento que ditamina o que está de moda, o que vende ou o que é impuro e non ten lugar no sistema. Eu penso que sempre hai que apostar pola boa literatura e canto máis amplo sexa o abano mellor.
– QN: Publicaches tamén no ano 2010 A lingua galega entre 1963 e 1975. Situación social e discursos dende o galeguismo. En que foron especialmente prexudiciais os anos do franquismo para a perda da transmisión lingüística do galego?
– MV: En todo, sen dúbida. Unha ditadura sempre é prexudicial e para as minorías especialmente. O galego naquel momento era a lingua da maioría da poboación, pero o ditadura establece como única lingua nacional o castelán, única no ensino, na administración, na igrexa, en calquera ámbito de visibilidade. Iso dende logo crea unha imaxe social do galego, de lingua que non permite o ascenso social, a adaptación escolar, etc. Todos eses prexuízos vanse asentando na sociedade e a primeira xeración capacitada para mudar de lingua, porque estaba escolarizada en castelán, comeza a romper a cadea de transmisión. Iso acontece ó final da ditadura e esa fenda non fixo máis que crecer. É moi difícil reverter esas ideoloxías e eses prexuízos. (…)”