Ismael Ramos: “Temos unha das mellores poesías da península e premiala non é ningunha inconsciencia”

EntrevistaIsmael Ramos a Ismael Ramos en Atlántico Diario:
“Ismael Ramos (Mazaricos, 1994) é un dos ‘novísimos’ da poesía galega que, malia ter recoñecida a súa voz literaria con varios premios, entre eles os Minerva que outorga o Colexio Manuel Peleteiro de Santiago, seguía coa súa obra espallada por revistas. Agora, este poeta afincado en Noia verá publicado o seu primeiro libro, Os fillos da fame, co que o sábado 2 de maio conseguía o Premio de Poesía Johán Carballeira, que dende hai 18 anos concede o Concello de Bueu. “O premio está moi ben pola dotación económica e por ser un recoñecemento o meu traballo, pero o que máis ilusión me fai é que se vai editar e vai haber lectores”, confesa.
– Se publicar é difícil, moito máis cun xénero como a poesía. Ten que haber un premio que avale a un autor para facelo?
– Eu valoro todos os premios, sobre todo polo mérito de pór cartos na cultura galega. É unha valentía, pero no caso da poesía non é ningunha inconsciencia porque temos unha das mellores poesías contemporáneas da Península, por no dicir a mellor.
– O xurado salientou os valores poéticos d’Os fillos da fame por beberen da mellor tradición da poesía internacional.
– O que pode ter de internacional o poemario non é tanto a materia en si mesma como a formulación estética. Está ambientado nunha zona concreta da xeografía galega. Supoño que o xurado se refire a que ten moitas referencias indirectas á poesía internacional, xa que a min pésanme moito as influencias norteamericanas.
– No poemario inclúe voces poéticas de autores galegos. A quen podemos atopar?
– Hai versos citados directamente de Celso Emilio Ferreiro, María do Cebreiro e Xohana Torres. Intentaba falar dunha liña que está moi presente na nosa poesía. É un libro, por exemplo, onde o mar está moi presente, onde a fame está moi presente… como na nosa historia como pobo e na nosa historia literaria. (…)”