Casas literarias: Ánxel Fole

casa a veiguiñaDesde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
Fole deixounos o 9 de maio de 1986. Pero non desapareceu. Permanece na memoria da súa escrita, imperecedoira. E tamén na lembranza dos que o coñeceron e trataron, que son moitos. Por descontado, na acordanza dos lugares nos que habitou, nos que deixou a pegada indeleble do seu xenio creador ou dos que extraeu a seiva que había de nutrir as súas páxinas. Velaí a proposta de hoxe: percorrer esas vivendas, anosalas para que tamén fique memoranza delas e do que representaron.
Ánxel Alexandro naceu ás nove da tarde do 11 de agosto de 1903, nun casarón do Campo Castelo de Lugo, nun edificio que levaba o número 1 e que desapareceu. O inmoble facía esquina entre o Campo Castelo e a praza contigua, actualmente chamada Praza Ángel Fernández Gómez e, nos tempos nos que Fole veu ao mundo, Praza do Cruceiro. O soar, xusto por tras do pazo do Concello, albergaba daquela un edificio do século XVIII que fora propiedade do Conde de Moscoso. O escritor lembraba que “era unha casa señorial con capela, cunha tulla enorme para recibir as rendas e unha cheminea de catro piares”.
campo casteloDaquela casa do Campo Castelo (onde logo se instalou o edificio de Radio Lugo) pasou vivir aos catro ou cinco anos á Casa de Orbán, casarío con ampla facenda (dezaseis hectáreas) que seu pai construíra aproveitando os terreos dunha antiga torre que fora de seu bisavó, o prócer Juan María Quiroga. A vivenda, localizada pretiño do Miño que tanto admirou e literaturizou, serviulle como base para imaxinar o lugar de Orbande no que transcorre o relato “O espello” de Á lús do candil, historia protagonizada por unha dama que é, en boa medida, un trasunto de súa tía avoa María Cristina Quiroga Sangro. Tempo despois, naquel lugar ergueuse a Estación Pecuaria Rexional. (…)”