Entrevista de Montse Dopico a Cris Pavón en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): O relato que lle dá título ao libro, Á busca da orixe perdida das especies, fala de Proust e da loita contra o tempo. Da arte como medio de superar o tempo. E este é un dos fíos de todo o libro. En que sentido?
– Cris Pavón (CP): Iso da arte como medio para superar o tempo son palabras de Proust. Eu falaría máis ben da arte como un xeito de coñecemento diferente á ciencia, complementario se queres. E ese relato que dis busca establecer paralelismos entre esas dúas formas de coñecemento valéndose das biografías de dúas personalidades senlleiras nos seus eidos, Proust e Darwin, que para min resultan moi atractivas, e que me permiten contrapoñer, contrastar, a memoria persoal, de individuos con conciencia, e a memoria biolóxica, esa longa historia da que os humanos somos só un brevisimo episodio. (…)
– MD: A memoria é unha invención, coméntase neste primeiro relato. E a memoria está presente en todos os relatos do libro. En relación coa identidade. Por que ese interese na memoria?
– CP: A memoria é unha invención ‘controlada’, é unha re-creación sometida a filtros racionais, emocionais. É esencial en calquera ser vivo, todo o que somos é soportado pola memoria, como unha non vai ter un interese niso? A neurociencia cognitiva, psicanálise incluída, vai amosando os mecanismos e a xeografía dese territorio e eu tento achegarme ao coñecemento que a divulgación científica ofrece.
Sen memoria non pode haber, xa non identidade, senón nin sequera percepción. Contrastamos o que recibimos a través dos sentidos co que temos xa interiorizado, esquematizado. Así re-coñecemos, entendemos o que percibimos no nivel máis básico da cognición. A iso haille que engadir, superpoñer, modelos máis complexos (lingüísticos, xenéricos, afectivos, éticos) que imos absorbendo do medio no que nos socializamos… E outra cuestión a ter en conta nese proceso son os contidos da psique que non chegan a lembrarse, as causas polas que non lles é doado facerse conscientes. (…)
– MD: Por debaixo de Limiar de conciencia, como de Sangue 12 ou de parte dos relatos de Á busca perdida, está a túa relación con distintos textos da literatura universal. (Byron, M. Shelley, etc). Que textos che serven dalgún xeito de referencia para escribir as túas historias e por que?
– CP: Como di Rodrigo Fresán, a literatura é sempre metaliteratura. Todo o que teño lido me serve. E non só literatura, dende logo. Sangue 12 naceu arredor de Ada Lovelace, estraña geek daquela, así que as referencias polo que a ela atinxe como filla de Lord Byron, impúñanse por si mesmas: Byron e os seus amigos na vila Diodati no mítico verán de 1816.
Pero, máis aló dos referentes explícitos, a literatura é parte do argumento en tanto amosa o poder salvador, ou perturbador, da mesma, a forza coa que se mestura coa vida, ao ser fornecedora de modelos nalgúns momentos, de acubillo noutros. En Sangue 12 a protagonista atopa na literatura unha solución radical ao seu maior problema, a súa arela de non medrar. Como fixeron o Quijote, ou Emma Bovary, ou tantos outros de menor talla, ela busca no que ten preto, na súa contorna, e escolle a historia do Vampiro, escoitada da boca de Polidori.
E, tamén, a literatura dálle agocho. Cara onde pode fuxir alguén cando é feble e non atopa empatía entre os achegados, como lle acontece á protagonista? Aos mundos da literatura. A literatura enche o seu tempo cando non pode relacionarse case con ninguén.
Niso é como a máquina LIDIA, de Limiar de conciencia. Limiar de conciencia ten a metaliteratura nos alicerces. LIDIA emprega modelos literarios para construír os seus textos, os seus logs diarios levan na cabeceira referencias a eses modelos. Todo o texto está inzado de referencias literarias, non só como citas, senón na propia estrutura, por exemplo nos relatos aniñados ao xeito das mil e unha noites, onde a Carapuchiña Vermella ten un papel estelar. E onde as SHEREZADES amosan todo o seu potencial. (…)”