Entrevista a Francisco Castro sobre Tes ata as 10

EntrevistaFrancisco Castro a Francisco Castro en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Con Tes ata as 10 recunca nas historias de suspense e de intriga. Con toda a bibliografía que ten as súas costas élle unha necesidade escribir baixo estes marcos esquemáticos ou é a propia trama quen achega o escritor cara ese terreo?
– Francisco Castro (FC): Son as historias as que saen así. A vindeira novela que publicarei non será unha historia de suspense, nin conterá misterio ningún, pero é a historia quen me pedía que non fora así. No caso de Tes ata as 10 eu tiña moi clara a imaxe inicial do protagonista recibindo un correo electrónico de seu pai acabado de morrer, e iso levoume a desenvolver a estrutura da novela cara un marco de intriga. As grandes ideas que queres transmitir son as que che marcan a música que vas interpretar. (…)
– FL: Grandes clásicos universais da literatura de aventuras terán unha grande relevancia en Tes ata as 10.
– FC: Quería que Tes ata as 10 reivindicase todos eses libros e lecturas que formaron parte da miña infancia, que fora unha reivindicación da propia literatura. É un tópicazo, pero ler fainos vivir máis, permítenos coñecer latitudes que ao mellor non imos visitar nunca. Mira a Jules Verne, un tipo aburridísimo que practicamente non saía da súa casa, e sen embargo estaba moi ben informado, lía canta revista científica caía nas súas mans. Extrapolado aos seus libros, cando describe a sabana africana en Nove semanas en globo semella en verdade que Verne estea pintando esas escenas. Eu bebín de todos eses libros e quería que estiveran aí como homenaxe, pero tamén me serven, dentro da novela, como un elemento que une a dúas xeracións. En Tes ata as 10 estes libros non son outra cousa que unha linguaxe común entre Toni e seu pai, ambos os dous están cangados polo amor ás grandes historias.
– FL: Como lle marcaron a vostede como persoa e como escritor eses referentes literarios?
– FC: Dun xeito absoluto. Dicías antes que cada vez máis as miñas novelas apostan máis pola intriga e polo misterio. Cos anos eu estou máis cómodo e relaxado no meu oficio de escritor e intento parecerme máis ao que me gustaba canda neno. Na miña infancia pasei moito tempo só na casa e nesa soidade a miña gran compaña, ademais da radio e dos Beatles, foron os libros. A pegada que deixaron en min, non só como escritor senón como persoa, foi enorme. (…)
– FL: Sempre detrás, como compoñente perenne das súas novelas, unha reivindicación do amor, en maiúsculas.
– FC: Se me preguntas: escribes porque pensas que o amor é o gran motor da realidade? Eu diríache que si, pero non volvería ser nada orixinal. Dígocho eu pero dixérono xa os presocráticos. Nós somos paixón, somos animais sentimentais. Nietzsche explicou moi ben como dende Sócrates en diante -e fundamentalmente dende o cristianismo- se nos intentou convencer de que somos un animal racional. Non é certo. Se fósemos racionais non namoraríamos, non poríamos as nosas vidas en perigo por amor como facemos ás veces. Se fóramos racionais non escribiríamos libros. Basicamente somos emocións, e abofé que non hai fábricas que elaboren endorfinas, oxitocínas ou adrenalinas máis potentes que as historias de amor. (…)”