Metáfora da metáfora, de María Xosé Queizán, por Andrea Nunes Brións

ArtigoAndrea Nunes Brións de Andrea Nunes Brións na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“En Metáfora da metáfora unha inicia a desmontaxe dunha tradición literaria enraizada nos valores do patriarcado mediante un procedemento, extraordinariamente eficaz por imprevisíbel, de sinais case subliminais. A través de ecuacións tipo poesía igual a amor, igual a morte, igual a desexo do desexo, igual a negación do real, aparece unha voz que denuncia as imposturas e autoenganos do discurso amoroso canónico e encarnado na figura dun poeta ensimesmado, cuxo único obxeto de adoración son as súas palabras.
Faino a través da insistente referencia ao mito de Narciso, que coa súa parafernalia de espellos e de ecos no abismo transfórmase en símbolo da alineación do home-poeta, absorto na tarefa de amarse a si propio e de contemplarse na imaxe de muller.
O termo clave metáfora, desdóbrase como unha célula viva dende o título xeral e reaparece en diversas combinacións nos subtítulos de seccións e no corpo de moitos poemas, funcionando neste contexto como un elemento desenmascador, que denuncia unha ausencia múltiple; do obxecto do desexo, do nome que o designa e dos afectos supostamente vinculados co obxecto e co acto de rebautizalo.
Resalta a novidade que supón e o atractivo dunha poesía que prefire falar de metáforas en lugar de usalas ou que as usa para deconstruílas.
O ton dominante, algo desapegado, antidramático, irónico ás veces, son as solucións que da a poeta para expresar as múltiples descolocacións contra todo o imposto, (o español como idioma dominante, o canon literario, o patriarcado, as persoas que asumen os valores do patriarcado, etc).
Así, Queizán presenta ese amor como algo que só se pode apoiar na palabra, na palabra de muller (feminina e feminista). Hai temas ou ideas primordiais no poemario que se repiten; as diferentes caras que ten o amor, o amor a Galiza (doloroso) o amor entre irmás, o amor entre iguais, o amor horizontal, o amor destrutivo, etc. que aparece dende a visión plural dun mesmo suxeito.
Por outra parte, está a idea da creación propiamente dita. O amor como metáfora mesma; a palabra.
É esa reivindicación da lingua, que aparece como único amor que lle pertence, remitíndonos así á paixón polas palabras. Reivindicando o amor entre iguais, e comparando a realidade da Galiza e da lingua galega coa situación que temos as mulleres.
O desexo de escribir nace na nosa poeta como un acto erótico e amoroso, no que as palabras senten o goce co que se pecha así o círculo escritura-amante. Queda así reflectido nos versos, a importancia que lle dá á palabra creadora, e a súa necesidade de escribir, e deducimos que tanto o acto creador como o acto amoroso son, en María Xosé Queizán, actos feministas e horizontais.”