Entrevista a Manuel Rivas en Diario de Ferrol:
“(…) – Diario de Ferrol (DF): Presenta o seu último traballo, Poemas de 21 gramos na báscula de Ohio. Adiántenos algo deste novo libro.
– Manuel Rivas (MR): O libro en si sairá en Xerais en verán, mañá o que farei será adiantar os seus poemas. O traballo ten un título exótico e irónico porque din que a alma foi pesada nunha báscula de Ohio e tiña 21 gramos. Eu recordo cando era neno nas tendas de barrio e aldea había unhas básculas que poñían Toledo-Ohio. A min, que non coñecía Ohio, aquilo recordábame ao cruceiro de Hío. Eran uns aparatos que pesaban cousas esenciais para a xente: o pan, o azucre, etc. e vexoo como un símbolo do esencial que é a poesía na vida.
– DF: Que temas e formas lle interesan nestre regreso?
– MR: Ademais do dito, formalmente ten un fio coindutor a base de haikais, precedente dos haikus xaponeses. Con eles falo da natureza insurxente, un paisaxe que é unha psicoxeografía. Unha natureza na que apenas está presente a voz humana, non hai unha posición dominante das persoas. É a natureza quen fala, como un murmurio e faino con ese falso silencio, esa presenza que está aí. E faino para contar o seu drama. Por último, a parte final é “Oracións fúnebres”, poemas adicados a xentes que para min son heroes anónimos e que representan loitas esenciais. Aí están Elisa e Marcela, dúas mulleres que casaron na Coruña a comezos do século XX; Ánxel Vila, o patrón do Xurelo, o barco que nos levou á fosa Atlántica onde deixaban os residuos das centrais nucleares europeas; ou o crego Manuel Espiña, ao que poño en diálogo cun Deus moi humano, pequeno, coxo e con fame… Dalgún xeito é unha continuación do meu anterior libro Mohicania, co que pecho un círculo ou máis ben fago unha especie de espiral. (…)”