Antonio Piñeiro: “A Compostela universitaria dos oitenta é un tema ensaístico e narrativo por explorar”

EntrevistaAntonio Piñeiro de Carme Vidal a Antonio Piñeiro en Sermos Galiza:
“Con A identidade fascinada (Galaxia) o escritor Antonio Piñeiro leva á literatura a Compostela universitaria dos anos oitenta e a fin dun tempo que sitúa na noite na que a explosión na discoteca Clangor puxo fin a unha etapa de entusiasmo. Como unha “novela híbrida” define esta nova obra, que ten elementos da novela, da autobiografía, do ensaio ou da crónica.
– Sermos Galiza (SG): A identidade fascinada responde a un momento biográfico e histórico concreto. O tempo universitario na Compostela dos anos oitenta.
– Antonio Piñeiro (AP): Foi un tempo no que se deu unha renovación da identidade, un sentir novo que resultou por fascinación por un cambio tan repentino. Nunca á cidade e á súa Universidade chegara tanta xente, todos nacidos do boom dos anos cincuenta e da década dos sesenta. Foi unha explosión inmensa na cidade. (…)
– SG: Vostede presentouse e gañou numerosos premios e iniciou a súa carreira na poesía. Que supón este novo libro, que nace sen premio e en narrativa?
– AP: A clave coa que traballo é sempre a exploración, o ensaio continuo. Non teño présa nin degoiro, nin centro o meu esforzo na publicación. No que me sinto cómodo é no traballo diario, na descuberta da frase, na beleza da literatura. Esta obra é parte desa exploración, un ensaio narrativo distinto, onde se entrecruzan ensaio, novela e mesmo lirismo, porque na miña obra o poético está detrás de todo. (…)”