Antonio Reigosa: “O inmaterial é a tona da cultura, a pel que a protexe das agresións colonizadoras”

EntrevistaAntonio Reigosa de Carlos Loureiro a Antonio Reigosa en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Canto lle pode facilitar a un narrador o coñecemento profundo da literatura popular á hora de escribir, especialmente para as idades máis temperás?
– Antonio Reigosa (AR): Para min resultou fundamental pois creo que a literatura para os máis pequenos debe estar apegada á oralidade, ao son da voz dita por un pai ou unha nai. A arquitectura do texto oral está moi ensaiada por moitas xeracións, por iso resulta sempre efectiva, o que non impide que o que se di desa maneira sexa diferente en cada caso. Vale o molde, pero o sabor non ten porque ser necesariamente o mesmo que lles gustaba aos nosos avós. (…)
– NG: Lendas, mitoloxía, fábulas, contos… Canto queda por estudar, pescudar… desta literatura oral e popular en Galiza?
– AR: Afortunadamente, o corpus do que chamamos literatura de tradición oral está nun proceso recreativo continúo; actualizándose, adaptándose, reinventándose… Sempre quedará moito que facer porque cada día hai algo novo que descubrir. Ningunha obra está acabada, todas teñen marxe de mellora e esta máis. (…)
– NG: E tampouco podemos esquecer outras moitas revistas con obxectivos similares (“O pazo das musas”, “A voz dos carraos”, “Castronela”) onde tamén te achamos a traballar… Non debería haber un abano máis grande deste tipo de xornalismo específico?
– AR: As revistas orais son formatos vivos que se prestan a calquera tipo de contidos. Pretenden ser a voz do día a día, o pulso do que pasa nas artes ou na cultura. Unha revista oral non é máis que o discurso organizado do que sucede no mundo que nos interesa. Escribir coa boca e ler cos oídos.
– NG: Canto de interacción existe entre a literatura oral, a mitoloxía… e a vida real?
– AR: Eduardo Galeano foi un mestre desa interacción. Cada relato, cada reflexión, cada opinión deste gran pensador é unha mostra intelixente de que o tradicional aporta reflexión ao actual. Lendo a Galeano, lemos sentenzas dun intelixente dun mundo en extinción.
– NG: A literatura oral e popular ten unha calidade que é a diversidade… como se fai para, á hora de pasala á escrita, optar por unha determinada versión?
– AR: Transcribir o escrito oralmente non deixa de ser unha traizón ao soporte e ao pensamento do seu autor ou autora. Aínda así, merece a pena intentalo. Chegar coa letra impresa a onde non chega a voz de quen emite esa mensaxe. A versión final non vai ser a do emisor nin a do transmisor, senón a que sexa quen de construír o receptor. Complexo pero real e certo; o que queda é o que percibimos, non o que recibimos. (…)
– NG: E voltamos á túa faceta, digamos etnográfica… Levas anos coordinando, xunto a Isidro Novo, as “Xornadas de Literatura Oral” verbo dos máis variados temas (demo, morte, mouros, monstros, amuletos…). Que procuran estas “Xornadas”?
– AR: Son xa sete, estamos preparando as oitavas, xornadas dedicadas a diferentes temas monográficos onde a literatura oral é o soporte documental de referencia. Nunca antes se fixera un esforzo tan continuado no noso país sobre estes temas. Cada xornada, os diferentes especialistas que participan (aí están as actas que publicamos) fan un enorme esforzo por actualizar e dar a coñecer o noso saber sobre estes temas. Temos grandes especialistas entre nós, e traemos tamén investigadores que desde outras culturas e puntos de vista axudan a contextualizar a nosa visión de cada asunto. Que procuramos? Facernos ver!
– NG: Cumpriría aínda máis aproveitarmos a universalidade da rede para espallar máis a nosa literatura oral e popular, a nosa mitoloxía…?
– AR: A rede é unha gran oportunidade para a oralidade e paras as culturas marxinadas como a nosa. Unha ventá ao mundo que endexamais no pasado se puido soñar. Eu confío en que sexamos quen de aproveitala, de facernos ver no mundo. Hai moi poucos días, o escritor brasileiro Luiz Ruffato dicía aquí en Lugo que había moi pouco tempo que descubrira que existía o galego como lingua viva, e que esa lingua era a lingua nai da que el usaba. Unha linga é moito máis que un código, é un trasatlántico cargado de símbolos culturais. Internet é, se cadra, a última oportunidade para facernos ver. (…)”