Desde Sermos Galiza:
“Este 15 de agosto, María Victoria Moreno será a protagonista da segunda edición do Día das Galegas nas Letras, unha iniciativa do colectivo A Sega para visibilizar o papel das mulleres na literatura galega. Falamos con Ánxela Lema Paris, filóloga e coordenadora do noso vindeiro A Fondo, o último até setembro.
– Sermos Galiza (SG): Por que escollestes a María Victoria Moreno para o Día das Galegas nas Letras?
– Ánxela Lema Paris (ALP): Pois por que non? Na Sega é todo moi voluntario. Sempre nace todo de motivacións que cada unha temos. Xurdiu o nome de María Victoria Moreno como podería ter xurdido o de moitas outras mulleres. E dixémonos, por que non, con toda a contribución que fixo, sobre todo a unha literatura penalizada como é a infantil?
– SG: Dicídelo neste A Fondo: a escolla de María Victoria Moreno é a escolla dun xénero literario menosprazado, a literatura infantil e xuvenil, e dun xénero humano tamén menosprezado, as mulleres…
– ALP: Si, xusto. Ademais é moi atractiva á súa figura tendo en conta a súa orixe, toda a contribución que fixo á literatura galega sen ter nacido aquí. É algo que se invisibilizou moito. Quixémoslle dar un aire de ledicia e de festa á reivindicación da súa figura.
– SG: Por que cres que se invisibilizou?
– ALP: Entran en xogo varias funcións: o feito de ser literatura feita por unha muller e tamén o xénero escollido por ela, dirixido a un público menos académico ou institucional, do que nos medios quizais non se fala tanto, non tan prestixiado como outros xéneros literarios. Quizais por iso non ten o seu recoñecemento a súa figura como escritora como outras mulleres cuxo nome se coñece máis. (…)”