Na presentación de Rastros con enrugas, de X. C. Domínguez Alberte en Escudeiros (Ramirás), por Ramón Nicolás

DesdeCartel_presentacion_Rastros_Escudeiros-1 o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
O sábado 20 de xuño participei na presentación de Rastros con enrugas, de X. C. Domínguez Alberte, que acolleu o local social de Escudeiros (Ramirás). Foi un acto cheo de emoción, de música -grazas ao gaiteiro Manuel Ferro- e mais, loxicamente, de poesía no que estiven encantado de participar. Deixo aquí o texto ao que dei lectura.
“Bo serán. Grazas a todas as persoas que aquí estades convocados pola creación do noso veciño Xoán Carlos. Cando hai uns meses presentamos este libro na cidade de Vigo creo que xa se comezou a xestionar a necesidade de presentalo en Escudeiros. Ao meu ver era unha necesidade, non só porque o libro, como en xeral todo o que escribiu Xoán Carlos, estea inspirado aquí, e transluza a realidade singular e deste lugar, senón porque eu penso que, en primeira instancia, o libro foi escrito para todos vós, para todos nós. Quero así pois agradecer a vosa presenza e mais tamén facer fincapé na miña especial satisfacción de ocupar este sitio para dicir unhas palabras limiares: é para min un privilexio poder estar aquí canda Xoán Carlos e canda vós.
Este libro, editado nas Edicións Corsárias, nome que moito me gusta, é un libro atemporal, isto é, resulta operativo tanto para hai xa uns meses como para agora, de feito talvez resulte aínda máis actual porque, curiosamente, pasados uns meses desde a súa aparición, e con todo o que ocorreu ao noso arredor, os seus contidos aparecen, a cada momento, máis cargados de razóns como logo explicarei.
Máis antes quérome referir ao autor: moitas persoas das que estades aquí sabedes de Xoán Carlos, e sabedes mesmo do seu perfil como poeta, ensaísta, autor teatral ou columnista, por simplificar esta faceta. Non hai máis que abrir a lapela do seu último libro e nese espazo sempre limitado no que cómpre facer un exercicio de síntese aparecen os seus ensaios, a súa peza teatral, e mais o seu labor como poeta, eido máis prolífico, contido en Material de outono, As horas luminosas, Incivil e Materia infinita. Nesa mesma lapela indícanse algúns títulos que responden a iniciativas de coordinación de moi diversas publicacións, quer poéticas, quer ensaísticas. Isto é o que resulta público, o que calquera que poida acceder a calquera información do autor o poderá atopar, incluso, talvez, con máis amplitude. Este labor literario, ao meu ver, atopa acubillo, condénsase e adquire novos matices en Rastros con enrugas, pero non só. Talvez sexa este o libro máis confesional e persoal de Xoán Carlos, aquel no que converxen querenzas e influencias literarias moi evidentes con esoutra parte da súa vida cotiá que non aparece nas lapelas, nin tampouco se recolle nas webs de escritoras e escritores galegas.
E cal é este vector, poderedes preguntarvos. Sen dúbida ese espírito que de Xoán Carlos unha persoa especialmente atenta a cultivar o espírito solidario, a ollar cos ollos ben abertos aquilo que ocorre ao seu arredor, a esculcar nas causas do que acontece, a defender naquilo no que cre a través dun compromiso político intenso, que nace da máis íntima convicción. Xoán Carlos analiza as causas polas que as cousas pasan e, logo, nun último paso, é quen de transformar en discurso poético unha ollada crítica que evidencia as eivas, o incomprensible, os rastros que a vida deixa, que el trata como ourive, que decodifica, reestrutura e converte en linguaxe poética, sen pechar a porta a erixir un discurso marcado pola reivindicación, un berro –literario- diante do que acontece agora, do que nos acontece e que ás veces ignoramos ou mesmo esquecemos.
Disto hai, e ás mancheas, neste libro que hoxe aquí se presenta. O autor, como bo filólogo, como coñecedor asemade dos recursos que a propia lingua ofrece, articula xogos de palabras, nunca inocentes, que xa sitúa no frontispicio do seu libro cando na dedicatoria lemos “A todas as vítimas da probreza do capitalismo do capitalismo da pobreza”. A ironía, que tantas veces acompaña a súa intervención, tampouco se ignora en tantas composicións como “Afecto invernadoiro”, como tampouco unha sección especialmente suxestiva -“Enfermismos”- onde de novo recrea o uso capcioso, intereseiro e falaz que en diversos medios de comunicación se realiza dunha realidade disfrazada, cruelmente disfrazada. Velaquí o punto de partida a ter en conta porque os paratextos, isto é, as citas, referencias, fragmentos poéticos e doutro tipo semellante que poboan este libro fan que camiñemos, en moitos casos descubramos, voces que fan, á fin e ao cabo, que o poeta non se sinta só. Velaí como reactualiza voces, todas unidas polo compromiso co que se escribe, pola vontade de evidenciar, e denunciar, aquilo que non nos gusta do tempo que vivimos. Xoán Carlos, así, apela á memoria e á palabra de Ernesto Cardenal, Nazim Hikmet, Patrick Kavanagh, Pero da Ponte, Joseba Sarrionandia, Valentín Lamas Carvajal, Antón Cortizas, José Saramago, Rosalía de Castro, Francisco Castro, Manuel María, Castelao, Mahmud Darwix, Wislawa Szymborska, Seamus Heaney, Orfila Bardesio, Hilude Domin, Airas Nunes ou do propio Celso Emilio Ferreiro, a quen moito lle gustaría este libro, inserido nese ronsel de poesía contestaria e belixerante, tan presente en Viaxe ao país dos ananos, na Longa noite de pedra ou no Cemiterio privado.
Xoán Carlos, así pois, deita unha ollada crítica, por veces operando limpamente cun escalpelo afiadísimo, a situacións e experiencias do día a día, que sufrimos ou vivimos xa, que coñecemos, que podemos sufrir hoxe ou mañá, e enfróntase á violencia a que somos sometidos, reacciona coa palabra e coa invitación á reflexión e á reacción diante das políticas neoliberais que ben coñecemos e sufrimos. Poucos espazos deste humus que retrata quedan sen visitar neste libro: experiencias hospitalarias, o contraste entre as vivencias migratorias e o capitalismo tan ben espellado no poema “Comida de Nadal” onde lembra a morte de Mercedes Veiga, percebeira; a visión crítica de posicións lingüísticas e mesmo dogmáticas carpetovetónicas e folclorizantes; o desasistimento do rural; o trato que recibe o ensino laico e público, en resumo, e isto está agora tamén lamentablemente ao día como a exhibición de actitudes pro-fascistas…, todo denunciado con rotundidade.
Alén dos “enfermismos” aos que antes aludín, o libro complétase con tres seccións máis como son “Adolescencia en nomes de horizontes” onde bota a ollada para recuperar fragmentos do pasado, as terras natais, aquelas que todos e todas as que aquí estamos nos resultan familiares e queridas, é aquí onde está a fonte de todo o que é e que percorre desde o Surrego familiar e querido, pasando pola Levada, as Avesadas, a Corredoira, o Alcouce e a Loba, a Poza da Canle ata A Tapadiña. Textos aos que se engaden tres poemas “Maleta viaxeira”, unha homenaxe particular a Luís Pimentel e, por último, “Caderno de crueldade”, nove composicións que naceron ao fío do accidente do tren Alvia ocorrido hai agora camiño de dous anos preto de Compostela.
Conclúo a miña lectura facendo unha mención, ben o merece, ao labor de Baldo Ramos, o noso común amigo, como responsable tanto da ilustración da cuberta como dalgunha ilustración do interior. Na cuberta está a rosa vermella, tamén posuidora do valor subversivo e revolucionario e o arame que fai pensar no sufrimento dos oprimidos: aí está contida a vibración de todo o libro. Convido a que leades, porque aquí sei que a lectura, aquí, é outro deses tesouros que sempre agarimades. Este libro ben o merece.”