Entrevista de Carlos Loureiro a María Lado en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Por outra banda, ti sempre fuches partícipe de múltiples recitais poéticos… Que gaña a lírica con estas actividades interactivas segundo ti?
– María Lado (ML): A poesía achégase moito á xente nos recitais, iso é evidente, pero eu recito porque me gusta moito, faime moi feliz, o directo é o que máis me gusta de recitar. Supoño que tamén hai lectores que prefiren ler eles, ou mesmo recitar en voz alta eles, no canto de escoitar a un poeta, pero eu disfruto tanto recitando que non me imaxino sen facelo. (…)
– NG: Tes dito por algures que para ti “a concepción da obra literaria que traspasa xéneros” che interesa abondo e coido que foi ao te referires á túa obra Berlín, onde con posterioridade converxeu coa arte musical… Cres que esta interacción de xéneros é o futuro especialmente para a lírica?
– ML: Non necesariamente. A lírica sempre estivo moi unida á música e tamén leva séculos existindo sen necesidade de mesturarse con outras artes. Eu atopo moi divertido facer esa mestura, pero non básico nin necesario. O básico e necesario para a poesía que eu fago é a palabra. O resto son cousas a maiores que a min me parecen entretidas, curiosas, divertidas… pero o futuro da poesía supoño que seguirá sendo a palabra. (…)
– NG: Se a fin de contas a poesía é a expresión do íntimo, por que cres que aínda se ve como algo tabú o erotismo poético?
– ML: Ben, eu non creo que se vexa como algo tabú, realmente. Eu creo que a xente xa está preparada para iso e para moito máis. Ás veces pensamos que o público se ruboriza por atopar “cona” nun poema, pero eu creo que se ruborizan máis cando len un poema malo anque fale da receita das filloas. (…)”