Cuestionario Proust: Érica Esmorís

DesdeÉrica Esmorís o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Érica Esmorís:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A sensibilidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A capacidade de rirse dun mesmo.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Novas e divertidas aventuras.
4.– A súa principal eiva?
– Son moi despreocupada (pola miña aparencia, pola miña saúde, polo estado da miña conta bancaria, a desorde xeral na miña casa). Tan só se salva o ordenador que, de ordenado, non parece meu.
5.– A súa ocupación favorita?
– A praia en todas as estacións do ano.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Amar e ser amado e vivir como eu quero (e se é nunha casa na praia e rodeada de animais, mellor).
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A enfermidade ou perda dun dos meus.
8.– Que lle gustaría ser?
– Escritora e libre.
9.– En que país desexaría vivir?
– En todos os que me leve a miña vella furgoneta.
10.– A súa cor favorita?
– A amarela.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As que tinguen de cores os campos, as silvestres.
12.– O paxaro que prefire?
– Calquera das aves de mar.
13.– A súa devoción na prosa?
– As historias que narran vidas enteiras.
14.– E na poesía?
– As que dan para imaxinar vidas enteiras.
15.– Un libro?
Cien años de soledad.
16.– Un heroe de ficción?
– Agora mesmo non se me ocorre ningún.
17.– Unha heroína?
– Pippi Langstrump.
18.– A súa música favorita?
– Jam e Eddie Vedder en solitario.
19.– Na pintura?
– Turner.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Miña nai.
21.– O seu nome favorito?
– Momo.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Os asubíos. Non soporto as melodías asubiadas.
23.– O que máis odia?
– O único que realmente odio son os pementos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Non sei se son ás que máis desprezo pero a figura dun toureiro é, para min, incomprensible.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún pero, falando de Turner, gustaríame poder ver, por exemplo, ao xeneral Aníbal cruzando os Alpes para atacar Roma, simplemente por curiosidade
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O don da boa caligrafía.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De ningunha maneira. Espero que non sexa obrigatorio.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A alegría.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que non desestabilizan os meus valores.
30.– Un lema na súa vida?
– Por que non?”