Ars dedicandi: Fuco Gómez

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Van alá cento vinte anos do nacemento de Fuco Gómez, emigrante á Habana nado en Becerreá que exerceu como escritor e xornalista en galego tras formarse autodidactamente.
Filántropo, independentista e masón, Gómez chegou a alcanzar unha estimable cultura e frecuentou o trato con importantes personalidades das letras do Caribe e doutros lugares. Devoto da poesía de Rosalía ―tamén da de José Martí― escribiu poemas como os de Pastorelas (1950), a novela O idioma dos animás (1937) e os volumes histórico-políticos Naciones ibéricas (1931) e mais Ensayos de crítica e Historia de Galicia (1960), entre outros.
A dedicatoria que recuperamos pertence ao seu libro Grafía galega (1927), de moi curioso e expresivo subtítulo. Obra moi discutible dende o filolóxico, pero de indubidable valor como testemuño da sensibilidade idiomática do escritor, nela evidénciase a paixón por Galicia, a súa lingua e a súa cultura de Gómez, quen as defendeu ata posicións arredistas.
O destinatario da dedicatoria é nada menos que Ramón Otero Pedrayo, a quen Gómez moito estimaba dende o literario e apreciaba tamén pola súa entrega á causa galeguista.
Fique aquí, pois, esta pequena homenaxe a un soñador de nobres causas, redactor dun himno galego alternativo e ideador dunha outra bandeira galega, que nos deixou en xaneiro de 1972 non sen antes legarnos algunhas das páxinas máis singulares da literatura do seu tempo.”

ars_dedicandi_fuco_gomez