Afonso Eiré: “A guerrilla galega reuníase nas casas, non no monte”

EntrevistaAfonso Eiré a Afonso Eiré en Praza:
“O 10 de marzo de 1965 era asasinado pola Garda Civil preto do encoro de Belesar José Castro Veiga, O Piloto. Así comezan a meirande parte dos relatos sobre o derradeiro guerrilleiro de toda España morto en combate, uns relatos e unha historiografía que adoitan presentalo como un loitador solitario nese tempo, que se limitaba a resistir, a esperar, “un home que agardaba”, como escribiu Carlos G. Reigosa no seu Fuxidos de sona. Con O Piloto, o último guerrilleiro (Hércules de Ediciones) Afonso Eiré racha esa visión: nin inactivo nin illado, José Castro Veiga contaba na comarca de Chantada cun importante apoio social, que Eiré enumera en ata 105 casas que lle daban acubillo e recursos, un carácter social da guerrilla galega no seu conxunto que axuda a desmontar tamén a imaxe de Galicia como un territorio totalmente submiso ao franquismo. (…)
– Praza: Cres que mudará nos vindeiros anos a visión que se ten sobre a guerrilla galega e o seu recoñecemento?
– Afonso Eiré: Espero que si. A Deputación de Lugo fixo unha exposición que está indo por todos os Concellos. E o documental O Piloto, do que eu son guionista, tamén se está vendo en moitos sitios, e cun éxito tremendo. Tamén o libro se está a vender moi ben e estame gustando especialmente que a algunhas presentacións estea indo xente que son fillos ou netos das persoas que axudaron a guerrilla. E iso significa que aínda que esa relación nunca se exteriorizara, si que na casa se falou do tema e esa memoria quedou aí. Si me estraña que aínda que O Piloto é moi coñecido en Chantada e nas comarcas próximas, noutros lugares onde fun presentar o libro, vin que apenas era coñecido.”