Antón Riveiro Coello: “Ler un libro na zona de sombra de Barraña”

DesdeAntón Riveiro Coello La Voz de Galicia:
“(…) Como non podía ser de outro xeito tratándose dun escritor, a recomendación estival de Riveiro Coello mestura praia, natureza e letras: «Ler un libro na zona de sombra de Barraña». Recoñece que el non é home de sol, polo que propón acudir a este areal a partir das seis da tarde, cando o gran astro xa non quenta con forza: «Eu son máis de sombra que de sol, por iso me gusta esa zona do litoral boirense, xa que conxuga as dúas opcións».
O autor non dubida á hora de propoñer incluso un libro para levar na bolsa da praia: «Recomendo o último que lin e que vai ser presentado en breve. Trátase da biografía de Faustino Rey Romero que elaborou o rianxeiro Ricardo Losada». Para aqueles que desexen entreterse estas vacacións mergullándose nunha das aventuras que asina este boirense de adopción, aí vai a suxestión: «Das miñas obras, recomendo Laura no deserto».
Antón Riveiro Coello fai estas propostas para gozar deste verán en Barbanza porque el é o que fará, dedicar as vacacións estivais a deixarse levar polo mundo das letras. No seu caso, ademais de ler, escribirá. Quere aproveitar as vindeiras semanas para pechar o seu novo libro. Trátase dunha obra titulada Os elefantes de Sokúrov que, se todo sae segundo o previsto, estará nas librarías o vindeiro outono. (…)”