A Mostra de Ribadavia premia Escena Galega e bota a andar unha semana de teatro “de risco”

DesdeEscena Galega Sermos Galiza:
“Pouco despois de que Escena Galega estrease nova dirección e duplicara o número de compañías integrantes, nunha unidade do teatro que cualifican de “histórica, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia outórgalles o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño.
“Unha das institucións que mellor evidencian o desexo de sumar esforzos cara o progreso e o ben común do sistema teatral galego”, definen na acta do premio no que destacan o novo momento da Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, Escena Galega, que se vén de converter nunha “fortalecida arma de defensa, re-construción e posta en valor da creación escénica galega e de todas as súas condicións nos principais ámbitos de innovación, produción e difusión”.
A entrega do premio desenvolverase no marco do acto de inauguración oficial da MIT o vindeiro sábado 18 de xullo ás 20:00 horas na Alameda de Ribadavia, xornada na que botará a andar o programa do festival cos espectáculos Osos del Pirineo da catalá Tutatis, Siena de La Veronal e As fillas bravas de Chévere, compañía que protagonizará o foro do domingo e a presentación do proxecto Berberecheira. (…)”