Cuestionario Proust: Ramón Neto

DesdeRamón Neto 2013-06-11 Prague o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Ramón Neto:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A empatía.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade, condimentada cun bo sentido do humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada en particular, chega con que estean aí.
4.– A súa principal eiva?
– A dispersión e a falta de orde.
5.– A súa ocupación favorita?
– Estar con amigxs, viaxar e, entre unha cousa e outra, escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Poder compartila.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Prefiro nin sequera pensalo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Gustaríame ter feito estudos de medicina e exercer algún tipo de profesión médica.
9.– En que país desexaría vivir?
– Onde vivo.
10.– A súa cor favorita?
– O negro.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Calquera das flores ventureiras que medran nos terreos baldíos da miña cidade. E, en concreto, unha das poucas á que que lle sei o nome: a papoula.
12.– O paxaro que prefire?
– O corvo mariño.
13.– A súa devoción na prosa?
– Teño certa predilección pola prosa norteamericana: Raymond Carver, Scott Fitzgerald, Carson McCullers, Paul Auster, Faulkner, ou Hemingway, sobre todo a súa narrativa curta.
14.– E na poesía?
– Paul Celan e Lois Pereiro.
15.– Un libro?
Anamnese, de Eli Ríos.
16.– Un heroe de ficción?
– Poñamos un de traxedia shakespeariana: o rei Lear e a reinterpretación que del fai Kurosawa no seu filme Ran.
17.– Unha heroína?
– Edna Pontellier, en The Awakening de Kate Chopin.
18.– A súa música favorita?
Ten New Songs de Leonard Cohen.
19.– Na pintura?
– As máscaras e os esqueletos de James Ensor.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– As persoas que lle fan fronte na vida cotiá a calquera tipo de discriminación, sexa racial, de orixe ou de xénero.
21.– O seu nome favorito?
– O nome de toda persoa que me brinde a súa amizade convértese nun nome favorito.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Cos anos vou aprendendo a soportalos máis ou menos todos.
23.– O que máis odia?
– A discriminación social, de orixe, de xénero, ou de calquera outro tipo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera ditador ou gobernante absolutista, independentemente da suposta ideoloxía utilizada como pretexto.
25.– Un feito militar que admire?
– Non admiro feito militar ningún, pero si teño un interese particular polo acontecido nas trincheiras da Primeira Guerra Mundial e nos seus no man’s lands.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Ter maior habilidade con cousas de números.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Preferiría que non fose dunha enfermidade dexenerativa que me fixera perder a capacidade da memoria e da palabra.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Un optimismo de base matizado con pequenas doses variábeis de escepticismo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles que teñen que ver coa dispersión e a falta de orde…
30.– Un lema na súa vida?
– Precísase ir moi lonxe para saber até onde se pode ir (Heinrich Böll).”