Desde La Voz de Galicia:
“O xurado encargado de fallar a décima edición do Premio Abrente de Textos Teatrais anunciou onte a concesión do galardón da MIT de Ribadavia á obra Voaxa e Carmín, que foi remitida á convocatoria baixo o pseudónimo Noite estrelada. Unha vez aberta a plica a autora premiada resulto ser Esther F. Carrodeguas.
O xurado baseou a súa decisión, segundo consta na acta, na gran capacidade «de escenificación do texto, a súa teatralidade, o seu carácter poético, actual, composto por voces de dúas personaxes femininas locais e ao mesmo tempo universais, cunha caracterización moi esencialista e ao mesmo tempo expansiva, na liña dos personaxes de Samuel Beckett».
O xurado estivo presidido pola concelleira de Cultura de Ribadavia, María López Touza, e como secretario actuou o director da Mostra, Roberto Pascual. Fabrice Corrons, profesor da Universidade de Toulouse, a actriz Belén Constenla e o actor e pedagogo Alfredo Rodríguez exerceron como vogais.
Á hora de referise a Voaxa e Carmín, o xurado fixo referencia a «unha obra minimalista, cun ritmo pendular, coma o fluxo e o refluxo, as ondas ou a respiración. Salientar, así mesmo, a compoñente ritual da peza, que se manifesta no carácter simbólico das figuras dramáticas, coma un facho de liberdade, dignidade, resistencia e solidariedade».
Esther F. Carrodeguas amosábase onte feliz polo premio: «Era a primeira vez que me presentaba e foi un texto moi pensado e moi traballado, con referencias ás coñecidas popularmente como as dúas Marías de Compostela, as irmás que lembra a escultura da Alameda de Santiago». Carrodeguas ten acadado outros premios, como o Modesto R. Figueiredo de relato curto, e xeralmente os seus textos represéntaos a compañía Airiños.”