José Luis Moure: “Francisco Luís Bernárdez é a figura ponte que está a unir as culturas galega e arxentina”

DesdeJosé Luis Moure a Real Academia Galega:
“Francisco Luis Bernárdez foi homenaxeado na VII Festa da Palabra, celebrada o pasado 18 de xullo en Esgueva (Madarnás, Carballiño). No acto participaron tanto José Luis Moure como o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, quen asinan dous capítulos do volume dedicado ao poeta, xornalista e diplomático. Esta monumental biografía colectiva foi deseñada e coordinada polo presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar, quen este mércores acompañou o profesor Moure nunha visita institucional ao Concello do Carballiño. O consistorio inicia así os trámites para declarar o presidente da AAL fillo adoptivo.
(…) – Real Academia Galega (RAG): Como descubriu José Luis Moure a Francisco Luis Bernárdez?
– José Luis Moure (JLM): Foi algo, como as cousas importantes, casual. Un día ocorréuseme retirar da Biblioteca de la Caja Nacional un libro seu. Sabía que era poeta e que se estudaba na secundaria. (…)
– RAG: Que pegada galega coida que quedou nas letras arxetinas? No libro dedicado a Bernárdez, Armando Requeixo sinala que fai falta redescubrir a súa “matria Galicia” para devolvelo “máis grande e plural á súa patria Arxentina”.
– JLM: Se somos obxectivos e non queremos aternos só ao sentimental, a cultura galega está representada maioritariamente por un grupo enorme de inmigrantes con escasa instrución e un grupo moi reducido, coñecido, como sempre pasa cos intelectuais, por outro grupo moi reducido, e do que eu nunca tomei coñecemento. A miña familia non participaba na vida da colectividade nos centros rexionais, eu coñecín o do Carballiño cando xa era profesor da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Buenos Aires e me convidaron a participar nunha actividade. Mantívenme alleo a iso e os ecos chegaron indirectamente, no caso de Bernárdez de maneira moi directa porque era un home de dúas culturas (…). Pero non quero ser inxusto: no Centro Galego de Buenos Aires existía e existe unha moi rica biblioteca, feita seguramente por intelectuais galegos que eu non coñecín (…). O outro foi un contacto lento, que fun adquirindo despois, lendo algunhas cousas de Castelao e, por suposto, as obras de Rosalía de Castro que había na miña casa e que comprara o meu pai. (…)”