Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Diana Varela Puñal:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A perserveranza.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade e a intelixencia.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me queiran.
4.– A súa principal eiva?
– A ansiedade.
5.– A súa ocupación favorita?
– Teño dúas: ler e bañarme no mar cando a auga non está moi fría.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Poder vivir da arte.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Din que dá mal agoiro nomear aquilo que non se quer que aconteza…
8.– Que lle gustaría ser?
– Eu, pero mellor.
9.– En que país desexaría vivir?
– En Galicia.
10.– A súa cor favorita?
– O branco.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A “vinagreta”, unha flor amarela e de seiva amarga que os nenos de Corme zugabamos nos recreos do colexio.
12.– O paxaro que prefire?
– Un petiño verdoso que un día atopei durmindo nunha beirarrúa da Coruña, entre as zancadas da xente pola mañá cedo para ir a traballar. Collino, leveino para o despacho, démoslle de beber nunha tapiña de botella e recuperouse. O pobre creo que estaba baldado! Lémbrome moitas veces del.
13.– A súa devoción na prosa?
– Scott Fitzgerald.
14.– E na poesía?
– Claudio Rodríguez.
15.– Un libro?
– Xente de aquí e de acolá.
16.– Un heroe de ficción?
– O pai de “O ladrón de bicicletas”.
17.– Unha heroína?
– A nai de “Mamma Roma”.
18.– A súa música favorita?
– O rock e o jazz.
19.– Na pintura?
– Pollock, Rothko e Van Gogh.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– A xente boa que teima por seguir querendo ser boa.
21.– O seu nome favorito?
– Alexandro e Xermán; os nomes dos meus irmáns.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Calquera que teña que ver co egoísmo ou a ingratitude.
23.– O que máis odia?
– É un sentimento que trato de apartar de min. Creo que a quen máis dana é a quen o leva dentro, como unha couza.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hai varias, pero pola conta que nos trai, a Franco. Pola súa causa España sumiuse nun medievo a destempo, do que aínda hoxe quedan vestixios.
25.– Un feito militar que admire?
– Máis ca militares, admiro as revolucións populares, armadas ou non. Un dos feitos que máis me conmoven da historia é a afouteza, o convencemento de Rosa Parks. No medio dun autobús cheo de xente non se ergueu do asento para “brancos” no que estaba…, e mira todo o que logrou.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A paciencia.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Tranquila.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Ando case sempre ilusionada con proxectos novos que se me ocorren día si, día tamén.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os físicos.
30.– Un lema na súa vida?
– Non fagas aos demais o que non queres que che fagan a ti ou ós teus seres queridos.”