Cuestionario Proust: Isidro Novo

DesdeIsidro Novo o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Isidro Novo:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Coido que a lealdade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Se non teño unha relación de amizade con elas, delicadeza e discreción.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Gústame ser correspondido, recibir do que dou, como na canción de Drexler, ou sexa que tamén lealdade.
4.– A súa principal eiva?
– Teño un orgullo que para dobregalo hai que poñelo a remollo, como o bacallao.
5.– A súa ocupación favorita?
– Observar, en toda a súa dimensión. Un poeta debe aspirar sempre a ver o que ninguén ve.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A título persoal, síntome satisfeito, pero logo, cando me asomo á fiestra… O ideal sería que os cartos fosen como as patacas, que tivesen que consumirse no ano, para non dar lugar a desigualdades.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Só pensala dáme grima, así que prefiro non pensar.
8.– Que lle gustaría ser?
– Aspiro a ser cada vez máis grande (á miña vista) no que fago.
9.– En que país desexaría vivir?
– Un está coartado polos sentimentos que ten verbo de onde vive a maior parte da súa vida. Posto en evidencia o condicionante, Galiza, claro.
10.– A súa cor favorita?
– Durante anos foi o granate, agora son máis ecléctico.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Houbo unha época na que prefería a caléndula, pero non sei se era máis pola súa beleza física ou pola eufonía do seu nome. Hoxe gústame moito a camelia negra.
12.– O paxaro que prefire?
– Sempre tiven debilidade polo merlo que, ademais de ter canto propio, é capaz de imitar o doutros paxaros, é dicir, de facer versións doutros cantantes.
13.– A súa devoción na prosa?
– Non son devoto de case nada, pero entre a moita xente que me merece respecto pola súa escrita, están Valle Inclán, Cunqueiro, Kafka, Camus, Beckett, Rulfo, Mishima … Queda un longo etcétera, pero non quero ser exhaustivo.
14.– E na poesía?
– Ademais dos clásicos e de moitos por fortuna ben vivos da nosa cultura, Li Po, Quevedo, Vallejo, Bukowski, Plath, Szymborska, Mend-Ooyo…
15.– Un libro?
– Amo as palabras, porque o significado de cada unha vén dunha historia, as palabras ademais, serven para escribir historias, ergo, se teño que elixir un único libro, escollo un dicionario.
16.– Un heroe de ficción?
– De pequeno lía El Capitán Trueno, pero se agora teño que decidirme, estou en dúbidas entre Pocoyó e Bob Sponge. En Galiza só os temos reais.
17.– Unha heroína?
– Non sei o que hai de ficción ou de realidade con Pepa a Loba, pero a personaxe, como a de María Castaña, tamén de historia difusa, paréceme moi interesante.
18.– A súa música favorita?
– Hai tempo, fun moito de jazz, antes de pop–rock, logo de folk, de clásica, de rap, de minimal, etc., pero agora escoito moita música africana (Lö, Osibisa, Keita, Évora, Bi Kidude…) De todas as maneiras confeso que non soporto o reggaeton.
19.– Na pintura?
– Eu sempre tiven moi en conta a Seoane e a Lugrís, pero son un amante da pintura de Tino Grandío. De hoxe tería que dicir moitos que ademais son amigos meus, por iso prefiro non citar. Son moito de Dalí, de Paul Klee, de Matisse, de Egon Schiele, de Picabia, de Chagall…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Ademais das heroínas citadas dubidosas coa ficción e da moi real María Pita, aquí tivemos a Xan Quinto, a Foucellas, a O Piloto (que o mataron hai medio século) e a Moncho Reboiras (que o executaron hai corenta anos), por citar algo sen saír da casa.
21.– O seu nome favorito?
– Teño asumidos os tres que me puxeron, pero se tivese que pórme eu un, chamaríame Ernesto.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Bah, antes era escrupuloso para algunhas cousas, agora son máis tolerante.
23.– O que máis odia?
– Eu odio pouco, pero hai cousas que me poñen de moi mala hostia. Neste momento, o de Alemaña con Grecia. Habería que facer unha campaña solidaria, en camisetas ou en pancartas, na que se lese o lema: “Quero ser europeo/a, non escravo/a de Alemaña”.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hai un feixe delas. Que non resuciten e que a súa herdanza xenética sexa o menos fértil posíbel.
25.– Un feito militar que admire?
– Aos militares eu só lles vexo utilidade cando axudan a apagar incendios forestais no verán.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O de comunicarme co mundo vexetal e mineral. Co animal vou amañando.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Cos meus arredor, na cama, sen dor e tomando un chanqueiro de tinto.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Adoito ser animoso, pero teño días malos.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que non lle causan trastorno a outros.
30.– Un lema na súa vida?
– Tratar de convencer a un convencido, é sempre unha perda de tempo.”