Desde Sermos Galiza:
“Poucos escritores hai con capacidade para facer gozar coas súas creacións a leitores e leitoras de diferentes idades e xeracións. Manuel María era, é, un deles. Así, na súa amplisima obra hai relatos que son quen de encandilar a crianzas, versos que marabillan adolescentes (e non tan adolescentes) e unha escrita que segue a ser referencial e sedutora para moit@s.
Consciente do poder de convocatoria que mantén intecta a obra de Manuel María, así como das dificultades de atopar parte da mesma, a Fundación que leva o nome do Poeta Nacional, decidiu dar un paso adiante e facendo “un grande esforzo” vén de publicar algunhas das súas obras máis emblemáticas. E faino ás portas de 2016. ano no que o Día das Letras Galegas se lle adica ao de Outeiro de Rei. Aliás, tamén dispoñibilizará unha serie de recursos que se poñen a disposición do profesorado desde a web da Casa Museo.
O catálogo procura “atender a todas as idades e preferencias”, explica a Fundación, con especial atención ao público escolar, mais non só. Hai obras como O bigote de Mimí, relato ilustrado por Xaquín Marín e especialmente centrado nas crianzas. Ou o xa mítico Os soños na gaiola, que inclúe un código para a descarga dun DVD con 12 poemas recitados polo propio Manuel María.
Cando o mar foi polo río ou A tribo ten catro ríos son outras das obras neste catálogo, ambas as dúas dirixidas a leitores a partir dos 12 anos de idade. Non falta, claro, Terra Chá, un dos libros de referencia de Manuel María, unha obra emblemática. Tamén hai cabida para a prosa xornalística (Memoria da Terra) ou para antoloxías poéticas (A esencia máis nosa) ou correspondencia (con Otero Pedrayo).”