Ledicia Costas: “Vivo da literatura porque como avogada morría de fame”

EntrevistaLedicia Costas a Ledicia Costas en La Voz de Galicia, desde Xerais:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Os seus últimos libros, a novela Recinto Gris e os relatos de Un animal chamado néboa, publicados por Xerais, están ambientados na Segunda Guerra Mundial. Por que?
– Ledicia Costas (LC): Lin moitas cousas desa guerra, documenteime moito, é un tema do que son unha apaixonada. Observei que non había libros para a rapazada sobre o holocausto e escribín Recinto Gris, unha distopía, un mundo gobernado por lobos. Hai moitas cousas sobre a guerra civil pero non sobre a guerra mundial.
– LVG: Un animal chamado néboa está tendo moi boas críticas, non?
– LC: Si, a acollida está sendo boa e estou contenta. Hai que seguir o pulso da xente.
– LVG: É o seu primeiro libro digamos que para adultos?
– LC: É o primeiro que me publican de relatos para adultos pero teño moitos relatos, no disco duro do ordenador.
– LVG: Terá feita unha copia…
– LC: Agora si, despois de levar algún susto que outro e de perder algúns textos. Agora saíron estes relatos e no futuro sairán outros.
– LVG: E que vai pasar coa súa literatura infantil e xuvenil, a súa poesía?
– LC: Intento organizarme. Teño moita produción en infantil e xuvenil. Vai saír unha precuela de Escarlatina, a cociñeira defunta, que me está acaparando a meirande parte do meu tempo. Vaise titular Esmeraldina. A primeira defunta (Xerais). Escarlatina é unha nena que está morta, e estaba buscándolle un nome para cando estaba viva, e resulta que moita xente preguntaba por Esmeraldina en lugar de Escarlatina, así que dese xeito axudáronme a atopar o nome. En resumo, que hai que traballar moito para vivir da literatura.
– LVG: Vive da literatura?
– LC: Ben, non é unha cousa que conte moito, pero levo tres anos vivindo da literatura porque como avogada morría da fame. Así que decidín investir todo o meu tempo na literatura. Fago ao revés de moitos outros que traballan noutra cousa e no tempo libre escriben. Eu no tempo libre saio a respirar e por iso teño unha produción tan grande, porque paso moito tempo.
– LVG: Dálle moitas voltas á escrita, a unha idea?
– LC: Cando escribo son moi obsesiva. É algo que teño que recoñecer, sen pudor.
– LVG: Ten algunha receita para chegar aos lectores?
– LC: Aquí non hai receitas; ese é un invento que non funciona. Eu en realidade escribo o que me gustaría ler e escribo con toda a paixón, con toda a cabeza, con todos os meus sentidos.
– LVG: Ten axuda das musas ou non se leva con elas?
– LC: Iso das musas é unha historia que nos contaron cando éramos novos, un conto chino. Creo no traballo, horas e horas sentada diante do ordenador, non sempre escribindo, porque moito tempo estás pensando… Creo no currar.
– LVG: Faltan lectores?
– LC: Eu fago a lectura en positivo: temos unha rede de profesionais que se implican a tope: clubs de lectura, profesores, bibliotecas… Na literatura infantil e xuvenil está entrando un grupo moi amplo de lectores que logo van ir por si mesmos a buscar libros galegos.”