Casas literarias: Xosé Díaz Jácome

Casa-Jácome-VDesde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Xosé Díaz Jácome naceu no mindoniense barrio dos Muíños ás doce do mediodía do 19 de abril de 1910. A súa casa natalicia estaba situada nos Muíños de Abaixo, no número 24, pé da Fonte dos Pelamios, onde hoxe se ergue unha estatua súa realizada polo artista Quique Guerra á que se chega camiñando polo paseo que leva o seu nome. Andando o tempo, a súa familia trasladaríase a unha nova vivenda, xa nos Muíños de Arriba, que había ser o lar referencial para o poeta, quen escribiu alí os primeiros textos e a plaquette coa que se estreou, Primeiras cantigas do amor (1936), epilogada polo seu amigo fraterno Álvaro Cunqueiro e impresa mercé ao mecenado do músico filántropo e tonsurador de barbas Manuel Ledo Bermúdez O Pallarego. (…)
O poeta, que de neno foi pícaro alegre e xogantín e a piques estivo de ser arrastrado polo río Valiñadares no muíño grande dos Pelamios que pasaba a carón da súa casa natal, nunca esqueceu o barrio de nacenza, a Venecia mindoniense navegada polas correntes do Río Vello ou Valiñadares ou Ares, que dos tres xeitos é coñecido na cunquiña deleitosa de Leiras. Tanto é así que un dos seus libros maiores leva no propio título a emblemática construción na que se desenvolvía a oficio histórico do barrio, ao que sumou aínda un adxectivo revelador da súa adhesión sentimental: Muíño fidel (1983). (…)
O 6 de setembro de 1998 deixábanos, na Coruña, Díaz Jácome. O seu corpo foi trasladado ao día seguinte e agora descansa preto do lugar no que viu a luz primeira, no Cemiterio Novo de Mondoñedo, ao norte da cidade, na saída cara ao Cantábrico no que deitan as augas do río que baña o barrio. (…)”