No aniversario da morte de Valentín Lamas Carvajal. O home que inventou o xornalismo galego

ArtigoValentín Lamas Carvajal de Xoán Costa en Sermos Galiza:
“O catro de setembro de 1906 morre Lamas Carvajal, un dos primeiros promotores da prensa en galego. Nacera en Ourense en 1849 e os medios de comunicación foron elemento principal na difusión da súa literatura. E tamén das polémicas políticas e literarias en que participou ao longo da súa vida.
A aparición de O Tío Marcos da Portela converteuse nun dos feitos de maior relevancia na historia das letras galegas por se tratar da primeira publicación redixida desde Galiza integramente no noso idioma.
Antes de que en 1876 aparecese O Tio Marcos a presenza do galego nos xornais era pouco menos que anecdótica, e correspondía a colaboracións literarias -na súa maior parte poéticas- a seccións de carácter satírico -para reflectir as opinións do pobo máis humilde- ou mesmo a pasatempos de ton máis folclórico. O semanario (nos primeiros meses quincenario) editado en Ourense por Valentín Lamas Carvajal, é o primeiro periódico monolingüe en galego. De marcado carácter literario, esta publicación acadou un grande éxito en todo o país e chegou a tirar catro mil exemplares. Nas súas páxinas incluíanse seccións de opinión e de actualidade. (…)”