Entrevista a Modesto Fraga en Palavra Comum

EntrevistaModesto Fraga a Modesto Fraga na revista dixital Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que é para ti a poesia (e a literatura)?
– Modesto Fraga (MF): : Á pregunta de que é para min a poesía, eu prefiro respondela parafraseando ao poeta José Hierro: “Yo no sé lo que es la poesía, pero sí sé para qué sirve: para decir lo que no se puede decir”. En certo modo, as palabras visionarias do autor de Cuaderno de Nueva York non fan máis que constatar algo de por si evidente: pouco importa coñecer o significado da poesía cando o verdadeiramente importante é a súa función vital, social, experiencial, etc.
– P: Como entendes o processo de criação literária -e artística, em geral-?
– MF: A creación literaria, malia ser de facto un exercicio individual, non deixa de ter unha importante función social inserida no tempo presente aínda que condicionada pola tradición herdada. Creo que nestes momentos de convulsión social, económica e política os creadores e creadoras non miran para outro lado senón que manteñen unha actitude valente e comprometida coa sociedade dos nosos días. Evidentemente, non vivimos na ditadura nin na posguerra, nin tampouco estamos privados do exercicio democrático ao dereito de expresión, pero tamén é certo que asistimos a un convulso período histórico dominado por unha elite económica desmemoriada que prima a ditadura dos mercados e os rendementos do grande capital por riba dos valores e dereitos da propia sociedade. E aí, creo eu, están -ou deberíamos estar- todas as persoas que cremos nos valores da cultura como resposta ás desigualdades que, cada vez máis, vai xerando a incultura do capitalismo. (…)
– P: Que caminhos (estéticos, etc.) estimas interessantes para a literatura, e quaisquer outras artes, na sua comunicação com a sociedade?
– MF: Interésame especialmente que as persoas que participan, cada quen no seu respectivo ámbito de acción, do mundo da arte e da cultura en xeral continúen a forxar conciencias e, con espírito crítico, a denunciar todos os abusos e atropelos aos que son sometidas as persoas máis febles da nosa sociedade. Co compromiso colectivo e coa acción directa xa me conformo.
– P: Que vinculação tem, para ti, a Vida com as Artes?
– MF: Unha vinculación necesaria, se callar imprescindible. É máis, eu non son quen de concibir a escrita como algo alleo á propia existencia. Vivo, respiro, observo, medito, penso, razoo, sinto. Escribo.
– P: Que opinião tens sobre o estado da língua e a cultura, e que conexões -reais ou potenciais- encontras com outros espaços culturais (nomeadamente a Lusofonia)?
– MF: A pregunta é moi complexa como para poder acometela en apenas dúas liñas. Porén, non direi nada novo se digo que a perda de falantes de galego non deixa de medrar, e non só nos ámbitos urbanos, que tamén, senón por extensión nos núcleos máis resistentes do noso rural, e iso é algo que debera facernos reflexionar moi en serio. Non podemos cruzarnos de brazos a observar como esmorece o noso principal sinal de identidade e despois pretender que con catro ridículas campañas con poemas nas bolsas do supermercado xa solucionamos o problema do galego. Por outra banda, a relación coa Lusofonía é unha oportunidade excepcional que non podemos desproveitar, máis que nada polo feito de estarmos en contacto con máis de 300 millóns de habitantes que falan exactamente a mesma lingua que nós. (…)”