Marcos Calveiro: “Fontán foi un protonacionalista; sempre tivo Galicia por diante de calquera interese”

EntrevistaMarcos Calveiro de Alberto Ramos a Marcos Calveiro en Praza:
“(…) – Praza (P): Vén de ser galardoado por unha novela na que percorre a vida de Domingo Fontán, un personaxe do que confesa sentirse obsesionado dende fai anos. De onde nace o seu interese?
– Marcos Calveiro (MC): O interese vén da primeira vez que atopo o seu nome e sei da historia da carta xeográfica do mapa. Debín ler con 16 ou 17 anos Arredor de si, de Otero Pedrayo. Nese libro hai unha escena mítica na que Adrián Solovio queda marabillado diante do mapa de Fontán. Pouco despois vin un artigo de Cunqueiro dedicado ao mapa de Fontán e practicamente vén dende aquela. Levo toda a vida lendo todo o que atopo sobre Fontán. Paréceme un tipo extraordinario, un tipo que sobe a un burro e que durante 17 anos viaxa só e, con moi poucos medios técnicos, traza unha marabilla científica de Galicia. Un adiantado do seu tempo. De aí vén a obsesión. É un deses galegos practicamente descoñecidos que conseguiron grandes logros e que hoxe están aí esquecidos por todo mundo. Como el, hai moitos. (…)
– P: Leva dende moi novo furando na historia de Fontán. Cando decidiu poñerse a escribila finalmente? Como foi o proceso de documentación?
– MC: Levo anos cunha carpeta no ordenador que se chama Domingo onde fun vertendo toda a información que atopei sobre el. Aí teño que destacar o traballo fundamental dunha fundación, da fundación da súa familia, que se chama Fundación Domingo Fontán e que ten moitos dos seus documentos persoais dixitalizados e á disposición a través da rede. Penso que é unha documentación bibliográfica impresionante, que debería estar nunha institución pública galega e a disposición de todo o mundo.
Realmente, o proceso de escrita durou todos estes anos. Estes anos eu viaxei moito visitando centros de ensino. Cada vez que ía algún lugar e cadraba preto algún dos lugares de referencia para Fontán, achegábame. Subín moitas curotas de montes que el visitou para trazar o mapa, visitei a súa casa en Porta do Conde que aínda existe, agora ocupada por outra familia… É dicir, visitei moitos lugares nos que el estivo. Tamén a primeira recta que mediu, en Santiago, pola zona de Boisaca; a recta que logo mide no Corgo para a triangulación do mapa… Foi un traballo de moitos anos. A novela leva escrita un par de anos e neste tempo, como non escribín ningunha cousa nova, pois funa reescribindo, adaptándoa e mudándoa até esta versión definitiva que foi premiada co Repsol. (…)”