Crónica da excursión inaugural da Ruta Costa do Solpor

Desdeitinerario Ruta CdoS + logo SEM + portada o blogue Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez:
“(…) Organizada polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM) e coa colaboración da Asociación de Escritoræs en Lingua Galega (AELG) o pasado 17 de outubro tivo lugar a primeira excursión ou excursión inaugural da Ruta Costa do Solpor, ruta que combina o turismo coa literatura, pois pretende levar os viaxeiros no tempo polos principais escenarios nos que se desenvolveu, en agosto de 1761, a narración.
Lembremos que Costa do Solpor empeza onde remata A illa do tesouro, a famosísima obra do escritor escocés Robert Louis Stevenson, e esta é a sinopse da súa trama:
Un descoñecido escritor en lingua inglesa narra polo miúdo, a finais do séc. XIX, a viaxe de volta da goleta Hispaniola, cargada cun fabuloso tesouro conseguido tras múltiples penalidades nunha perdida illa do Atlántico. Tal viaxe de volta non fora o camiño de rosas da narración stevensoniana, pois o navío tivo serios contratempos na costa galega máis occidental, a chamada Costa do Solpor ou do Solposto, ó ser abordada fronte ó cabo Vilán por dous navíos corsarios con base no porto da Coruña. O destino da goleta era ser incendiada, despois de lle quitar o seu tesouro, con todos os seus tripulantes dentro en mar aberto; pero o grumete Jim Hawkins logra escapar e acadar a costa, onde coñece un mozo pegureiro chamado o Chavián e unha valente fidalga chamada dona Mariña de Lobeira que o van axudar a salvar os seus compañeiros dunha morte certa e recuperar o seu tesouro.
Éxito de convocatoria: todas as prazas cubertas (55)
O SEMESCOM anunciara a excursión no seu web con quince días de antelación, e no prazo dunha semana xa practicamente estaban cubertas todas as prazas, que nun principio eran 50, pero que houbo que ampliar a 55 atendendo algunhas peticións. Nin que dicir ten que houbo lista de espera, pero ninguén se deu de baixa a última hora. O éxito de convocatoria foi total; faltaba por ver se tamén sería exitoso o desenvolvemento do percorrido cos seus horarios tal como prepararan dous membros do Seminario. (…)”