Takekazu Asaka recibe o Premio Ramón Cabanillas

Desde a Real Academia Galega:
“O académico correspondente Takekazu Asaka recollerá este sábado, 27 de xullo, o Premio Ramón Cabanillas, nun acto que terá lugar ás 20:30 horas no auditorio municipal de Cambados. As librarías Contos e Ramón Cabanillas da localidade, coa colaboración do concello, recoñecen así o labor de divulgación da lingua e da literatura galegas do profesor nipón, que acaba de publicar unha tradución á súa lingua dunha das obras do autor que lle dá nome ao galardón, A rosa de cen follas (1927). O libro será presentado hoxe, ás 20 horas, na biblioteca municipal Luís Rei. Non será a primeira achega do académico ao escritor cambadés, ao que xa lle dedicou a Cantata a Ramón Cabanillas. Takekazu Asaka publicará ademais proximamente un artigo sobre as formas de cortesía en galego no que toma como referencia, entre outras fontes, a novela Costa do Solpor do tamén académico correspondente Xosé María Lema. (…)”

Xosé María Lema Suárez, premio San Martiño de Normalización Lingüística

Desde a Real Academia Galega:
Xosé María Lema Suárez (Vimianzo, 1950) recollerá a mediados de novembro o premio San Martiño de Normalización Lingüística en recoñecemento á súa traxectoria. O académico correspondente resultou distinguido nos XXVIII galardóns que concede a Asociación Cultural O Brado, na modalidade Premio á normalización lingüística a toda unha vida.
Nesta edición tamén foron recoñecidos Manuel Pereira Valcárcel co Premio á difusión da lingua na comarca de Tabeirós-Terra de Montes e Uxía Senlle co Premio á normalización no ámbito galego. Os galardóns serán entregados nun acto aberto a todo o público que terá lugar no Teatro Principal da Estrada a segunda semana de novembro. (…)”

Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do martes 1

O martes 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Presentación de Meu avó, rei das pequenas cousas, de João Manuel Ribeiro, publicado por Hércules. No acto, o autor estará acompañado por Armando Requeixo e Laura Rodríguez.
19:00 h. Presentación de Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, de Xosé María Lema Suárez, publicado por Xerais. Con Manuel Bragado.
19:00 h. Presentación do proxecto Contos Estraños, a cargo de Xosé Duncan e Fernando M. Cimadevila. Na carpa das librarías.
19:45 h. Presentación de Conto x conto, de Anxo Moure, publicado por Baía Edicións. Na carpa infantil.
20:00 h. Fran Rei: A galiña azul, no Palco da Música.
20:30 h. Presentación O xogo de Babel, de Elena Gallego Abad, publicada por Xerais. Con Mercedes Queixas.
20:30 h. Sinatura de Anxo Fariña na Caseta da librería Lume.
21:15 h. Charla arredor de Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, de Xurxo Mariño, publicada por Xerais.

Carballo: actividades do venres 7 na Praza dos Libros

Chega unha nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 6 ao 9 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para o venres 7, destacamos os seguintes:

12:00 h. Presentación do libro ilustrado Kosmocán, de Alberto Varela Ferreiro, coa participación de nenas e nenos que dramatizarán o conto.
18:30 h. Concerto infantil a partir dos libro-discos Teatro de Guiñol e Lucecús, de Pirilampo (Galaxia). Colabora: Ler Conta Moito – Xunta de Galicia.
20:00 h. Presentación de Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, de Xosé María Lema, publicado por Xerais. O autor estará acompañado por Xosé Manuel Varela.
21:00 h. Presentación de Contos mariños de Carballo, de Xabier Maceiras, publicado polo Concello de Carballo. O autor estará acompañado por Fernando Patricio Cortizo e Xosé Regueira.