Entrevista de Montse Dopico a Luís Valle en Praza:
“(…) – Praza (P): Hai continuidade entre todos os poemarios. En cuestións como a oposición amor e afectos / morte e dor, en favor dos primeiros, pero sen obviar a realidade dos segundos e quizais a complementariedade entre todos. (“Na morte hai luz / e no silencio / tamén hai luz”, di A caída). En que sentido pode dicirse, entón, que é todo como unha unidade, nese aspecto temático?
– Luís Valle (LV): Si, hai un fío condutor que ganduxa todos os poemarios porque todos eles beben das mesmas fontes; aínda que as motivacións para a súa escrita sexan ben diferentes. Penso que amamos como amamos precisamente porque morremos. Toda a nosa luminosa existencia ten un reflexo crepuscular que lle confire seriedade a este xogo no que andamos metidos.
– P: A túa é unha poesía de imaxes. Mesmo cando é máis narrativa. De símbolos. Que parten, moitas veces, das sensacións. Por que?
– LV: A miña obra poética pode ser descrita como unha poesía de imaxes e de símbolos. Pero creo que a clave está no emprego desas imaxes e símbolos. Falando, por exemplo, dos símbolos, o antropólogo Gilbert Durand explicaba que estes teñen algo máis que un sentido artificialmente dado porque aprehenden un esencial e espontáneo poder de resonancia… Ese poder é innegable. Os símbolos son, polo tanto, útiles para, como dicía Pound, cargar a linguaxe de significado até o seu grao máximo. (…)
– P: Dixeches noutra entrevista que te influíran os poetas románticos. Por que te identificas con ese tempo?
– LV: En realidade, non me identifico exactamente co seu tempo, pero si admiro as súas realizacións. Sinxelamente, moitos son grandes artistas. En calquera caso, non falaría só dos poetas. A poesía de Keats impresióname tanto como a música de Mahler ou os lenzos de Turner, por exemplo. (…)”