Pedro Feijóo: “A liorta entre Vigo e A Coruña é un despropósito no que perdemos todos”

Entrevista Pedro Feijooa Pedro Feijóo en Coruña Daily News:
“(…) – Coruña Daily News (CDN): Rosalía e Murguía encaixaban na Coruña que viviron?
– Pedro Feijóo (PF): Eu sempre tería apostado ao “non”. Pero non polo feito de estaren na Coruña ou en calquera outro lugar. O matrimonio formado por aquela estraña parella era avanzado de máis, mesmo para os nosos días. Agora ben, con todo, o certo é que souberon facer da cidade a paisaxe perfecta para o seu proxecto. Moi especialmente Murguía…
– CDN: Onde latexa o ritmo literario da Coruña?
– PF: A ver, estamos falando dunha cidade atlántica, aberta ao mundo, ao tempo urbana e rural, fundada sobre un mito, fogar dun deus celta e da súa descendencia, cunha historia salferida de xestas épicas e coas súas propias heroínas… Home, eu creo que aquí o difícil é localizar onde non latexa ese ritmo, non?
– CDN: Se tivese que escoller un escenario coruñés para unha novela, por cal se decantaría?
– PF: Moi probablemente, e sen ter que pensalo demasiado, nese espazo onde a cidade moderna, a das altísimas torres, casas das ciencias e escolas de arquitectura, se atopa coa súa propia historia. No encontro de Álvaro de Siza con María Pita, nun segredo agochado por Parlier na tumba do xeneral Moore, nas tebras do cemiterio de San Amaro, nun amor roubado durante un concerto dos Diplomáticos, na praia do Orzán, cun poeta romántico afogándose nas ondas do mar bravo, con Murguía sepultando os segredos de Rosalía (ai, non, que esa xa a fixen…). Vamos, home, só un? Imposible… (…)”