Veu visitarnos… Toño Núñez

EntrevistaToño Núñez a Toño Núñez en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Cales foron as motivacións que o levaron a escribir?
– Toño Núñez (TN): Uf! Teño para min que o feito de ser un rapaz e un mozo moi tímido e acomplexado foi decisivo. Procurei refuxio no papel, porque o papel non me delataba. Esa necesidade de botar para fóra todo aquilo que queimaba dentro (especialmente a vivencia dos primeiros amores, sempre platónicos e inconfesables) debeu ter moito que ver. Quizais, tamén, supoño, o posuír unhas pingas de sensibilidade, o desexo de cambiar tantas realidades que atentan contra a dignidade das persoas, dos pobos, das linguas… e esa teimuda lei do máis forte, que te anula e te afunde na impotencia; nestas circunstancias non che quedan máis armas cá palabra.
Facerme profesor de Preescolar e traballar con nenas e nenos pequenos e o nacemento das nosas fillas tamén foron motivacións importantes; escribir para elas e eles foi, e segue a selo, moi pracenteiro.
E supoño que arredor da actividade creativa, polo menos no meu caso, tamén hai unha certa dose de vaidade, de desexo de transcender, de procurar a inmortalidade… O difícil é conseguilo.
– FL: E a dirixir esa escrita cara o publico infantil?
– TN: Como dicía, vivir e interactuar con nenas e nenos, meterme no mundo das súas vivencias, das súas lecturas, dos seus intereses… E a chegada das nosas fillas, acontecemento tan transcendental na vida dunha persoa… (…)
– FL: Cando principia un proxecto literario, como concibe a trama dese novo libro? Como xorden as ideas?
– TN: Eu, como non paso de ser un escritor afeccionado, escribo a arroutadas, sen método, sen ningún tipo de disciplina; case que só cando o necesito. As ideas? Unha vivencia, unha lectura, unha película… Un soñar esperto pola noite, nese punto en que a consciencia é feble e soñar é de balde, moi doce… Ás veces, algún soño deses faise realidade, faise texto. Pero escribo con moita descontinuidade, e todo aquilo que non me sae case dun tirón queda aparcado nalgún caderno dalgún caixón ou no entripado do ordenador. (…)
– FL: Que significa para vostede o oficio de escritor?
– TN: Eu non paso de ser un afeccionado á escrita, polo tanto, sería un ousado se falase dende a perspectiva daquelas persoas que teñen por oficio escribir. Como afección, para min escribir é, case sempre, unha necesidade. E é moi pracenteiro; porque, cando acende a chispa creativa e comezan a ferver e a bulir as ideas, ata o punto de que as mans non as dan reproducido á velocidade que burbullan nos miolos, é moi gozoso. Logo, o proceso de mellora e revisión resúltame menos gratificante. Máis adiante, a relación coas editoriais e as ansias por publicar poden chegar a ser frustrantes; pero, outras veces… hai final feliz e, entón… é marabilloso. De certo, escribir tenme dado momentos moi plenos e satisfaccións moi grandes.
– FL: Cales son as principais dificultades á hora de entregarse a este oficio?
– TN: Xa dixen: como para min non é un oficio, non teño unha opinión moi formada. Dificultades? A min frústrame moito que unha editorial non se tome nin a molestia de contestarme, que non valore que detrás dun texto sempre hai unha persoa ansiosa por saber algo do seu proxecto. Podería falar da falta de tempo, pero tampouco teño claro que, se dispuxese de máis tempo, fose quen de escribir máis. (…)”