Poemas de Amor en Outono, de Toño Núñez, por Armando Requeixo

DesdeArmando Requeixo 2015 Criticalia, de Armando Requeixo:
O pasado venres 6 de novembro tiven o pracer de acompañar a Toño Núñez na presentación do seu poemario Poemas de Amor en Outono no Salón de Actos do Instituto Lucus Augusti. Na mesa estiveron tamén Xosé Otero Canto e mais Bruno Máez, un como moderador e recitador e o outro na apoiatura informático-cinematográfica. Amais, o grupo Batital amenizou a velada interpretando diversos temas, un deles musicación dunha composición do libro que se presentaba e que ilustrou Miguel Anxo Macía. As palabras que seguen foron as que dediquei a introducir o libro de versos do poeta de Navia.
A poesía é o gran milagre do mundo, deixou escrito Luís Pimentel, poeta maior desta urbs romana que nos acolle. E é verdade. Sen a palabra que aloumiña o Tempo, ¿quen podería aturar os días avarentos?, ¿como celebrar as xeiras solares? Somos raqueiros da verba. Tiramos dela as enerxías necesarias para fundar o futuro, para guiar o presente, para honrar o pasado. Por iso, que nos convoque hoxe aquí a celebración destes Poemas de Amor en Outono de Toño Núñez é a mellor confirmación, máis unha vez, de que somos por obra e arte da palabra, a casa do ser, o miliario áureo a partir do cal cobra sentido a medición do que imos sendo.
Coñezo poucas persoas que posúan, en tan alto grao, a fe poética que Toño atesoura. Vencedor de todos os anxos soturnos do desalento, este meu amigo naviego conxurouse consigo mesmo para facer realidade unha arela: a de ver publicado este volume –en realidade un libro cd– na compaña dos seus amigos; a saber: o pintor Miguel Anxo Macía, responsable das ilustracións que visten estas páxinas; o fotógrafo e director de cine Bruno Máez, responsable das imaxes e montaxe do dvd que acompaña o libro; e o músico Carlos Díaz, encargado de facer vibrar sonoramente a palabra aquecida do poeta. Neste concerto, servidor tivo a fortuna de axudar a colocar o ramo cunhas palabras limiares, que son apenas unha salutación e desexo de boa fada para que estes Poemas de Amor en Outono se fagan ver de lonxe polo Fachinelo no peito dos letraferidos. (…)”