Desde Afundación:
“O XIII Premio de Poesía Afundación recoñece coa unanimidade do xurado a Miguel Anxo Fernán Vello polo seu traballo Duración da penumbra, presentado baixo o lema «Sombra do aire». Hoxe deuse a coñecer o gañador do premio de poesía máis emblemático de Galicia que, tras a deliberación do seu xurado, reunido na sede da fundación galega en Compostela, decidiu outorgar o galardón a este escritor de Cospeito, poeta, dramaturgo e editor.
O xurado, integrado por Luís González Tosar, presidente do Centro Pen de Galicia, como presidente do xurado; Óscar Xabier Castro Martínez, secretario; Inma López Silva, escritora; Manuel Guede Oliva, dramaturgo e poeta e Luciano Rodríguez Gómez, crítico literario, destaca na obra galardonada «a aposta polo dominio das formas e pola intensidade dos rexistros. O resultado- subliñan na acta do premio- é unha unidade compacta que consegue, con grande habelencia e talento, extraer da realidade máis crúa o lirismo máis elevado. O poeta trascende o seu propio ser a través da autenticidade da palabra, mergullando na escuridade para albiscar o horizonte luminiscente, todo o esplendor deste libro».
Así mesmo, o xurado destacou a alta calidade dos traballos presentados nesta convocatoria, feito que evidencia a boa saúde da creatividade dos poetas galegos e que deixa constancia de que a poesía e a creatividade en lingua galega están a vivir un momento poderoso. (…)”