A Coruña: entrega do Premio de poesía Afundación a Miguel Sande

O 27 de novembro, ás 19:00 horas, na sede de Afundación na Coruña (Cantóns), terá lugar a entrega do premio de poesía Afundación a Miguel Sande. Neste acto, o escritor fará un recital, acompañado dunha peza audiovisual de Xes Chapela, creada ex professo e inspirada no poemario gañador. Este, agora en formato libro, Os filósofos xa non brindan con cicuta, será ademais presentado ao público nesta gala de entrega.

Miguel Sande gaña o Premio de Poesía Afundación

Desde Sermos Galiza:
“O xurado da XVII edición do Premio de Poesía Afundación nomeou como gañador o xornalista e escritor de Arteixo, Miguel Sande, co seu poemario Os filósofos xa non brindan con cicuta. O Premio de Poesía Afundación, convocado por esta entidade xunto co Centro PEN de Galicia, contou con 30 obras inéditas apresentadas a concurso.
A resolución do xurado, composto polas escritoras María Canosa, Ánxela Gracián e Branca Vilela, o escritor Xabier Castro Martínez e o presidente do Centro PEN Luís González Tosar; tivo lugar ás 18:30 h na Sede Afundación Santiago de Compostela da cuarta feira 17 de xullo.
O xurado puxo en valor o feito da obra estar “escrita desde unha memoria actualizada e esperanzadora. É unha visión do mundo e da condición humana serena e madura, mais tamén transgresora nas imaxes e retadora nas metáforas”. Ademais, o propio xurado tamén resaltou que a expresión poética está plenamente lograda “nun metro de difícil factura pero pleno de sonoridade musical como é a prosa poética”.
As persoas compoñentes do xurado destacaron así mesmo como o autor “constrúe as dúas primeiras partes do libro nunha escritura impecábel, moi limpa e nun rexistro lingüístico depurado”.
Pedro Otero, director xerente de Afundación, e Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais da Xunta, participaron do acto de entrega de premios e parabenizaron Sande por gañar o premio de poesía e pola súa calidade. (…)”

Entrega do XVI Premio de Poesía Afundación a Gonzalo Hermo

O 22 de novembro, a partir das 19:30 horas, na Sede Afundación de Santiago de Compostela (Rúa do Vilar, 19), Gonzalo Hermo recibe o XVI Premio de Poesía Afundación. No acto de entrega en que o rianxeiro fará un recitado, acompañado dunha videocreación de Xes Chapela. Ademais presentará o libro resultante da obra gañadora, A vida salvaxe.
Confirma asistencia aquí.
A vida salvaxe, obra gañadora do XVI Premio de Poesía Afundación, «ofrece desde a sobriedade e a contención –en palabras do xurado­– un regreso á natureza que incorpora o autobiográfico e o metapoético». Esta obra entronca con poéticas abertas na creación contemporánea tanto na súa busca do salvaxe coma no recurso dun misticismo estético».”

Gonzalo Hermo gaña o XVI Premio de Poesía Afundación

Desde a Xunta de Galicia:
“A obra A vida salvaxe, de Gonzalo Hermo, é a gañadora da décimo sexta edición do Premio de Poesía Afundación, un certame que veñen convocando Afundación, o Centro PEN Galicia e a Consellería de Cultura e Educación co obxectivo de favorecer a creación literaria en galego.
A resolución do xurado, composto por Luís G. Tosar, presidente do Centro Pen Galicia; Estíbaliz Espinosa, gañadora da anterior edición do Premio de Poesía Afundación; Alba Cid, poeta; Xosé Ramón Pena, escritor; e Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado, deuse a coñecer esta tarde na sede de Afundación Santiago de Compostela, nun acto presidido polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e polo director-xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar. (…)
O xurado destacou que o poemario gañador ofrece, “desde a sobriedade e a contención”, “un regreso á natureza que incorpora a autobiográfico e o metapoético”, ao tempo que entroucou a obra con “poéticas abertas na creación contemporánea, tanto na súa procura do salvaxe coma no recurso a un misticismo escéptico”. (…)”

Entrevista a Estíbaliz Espinosa sobre As neuronas irmás

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“”A ciencia é cultura e esa reivindicación faise importante nestes tempos”. Estíbaliz Espinosa gaña co libro As neuronas irmás o Premio de Poesía Afundación. Pode accederse á entrevista aquí.”

Estíbaliz Espinosa gaña o decimoquinto Premio de Poesía Afundación

Desde La Voz de Galicia:
“«Pola coherencia dun discurso poético sólido, o potencial evocador das imaxes, así como a orixinalidade das referencias que apelan á dimensión científica do ser humano biolóxico e emocional» o xurado vén de escoller As neuronas irmás, de Estíbaliz Espinosa, como a gañadora do decimoquinto Premio de Poesía Afundación. O poemario foi escollido entre 29 presentados por un xurado composto polas escritoras Berta Dávila e María Neves Soutelo, o escritor Mario Regueira; Xabier Castro, escritor e secretario do xurado, e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado. As neuronas irmás será agora publicada na colección Arte de Trobar, que xa conta con máis dunha ducia de poemarios de autores noveis e consagrados.
Estíbaliz Espinosa escribe dende o enfoque «dunha cultura única -como define a propia autora-: a simbiose entre a ciencia e as humanidades, así como o eixe entre muller, tecnoloxía, palabra e ciencia» (…)”