Entrevista a Afonso Becerra de Becerreá

EntrevistaAfonso Becerra a Afonso Becerra de Becerreá na revista Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que é para ti o teatro?
– Afonso Becerra de Becerreá (AB): Das artes que coñezo, o teatro é a máis sublime porque incorpora a plasticidade da pintura, da escultura, as atmosferas espaciais da arquitectura, a especulación temporal e a beleza da música, a capacidade narrativa da literatura ou do cinema, o inefable da poesía, e ademais de todos estes ingredientes en movemento, o teatro xoga coa presenza máis animal e intuitiva das persoas. No teatro asistimos a un encontro artístico, onde as neuronas espello, as simpatías e antipatías, a química e a física danzan. Todo isto, que eu saiba, non o consegue ningunha outra arte. O teatro máis fascinante é ese no que nos miramos aos ollos e trememos de pracer.
A partir de aí o teatro é compromiso cívico, humanista. É asemblea sublimada. Polo menos o teatro que a min me move e me interesa.
– P: Como entendes (e levas adiante, no teu caso) o processo de criação literária -e dramatúrgica, mais em concreto-?
– AB: Froito dun desacougo persoal e, por tanto, político. Calquera temática, no ámbito da dramaturxia (que é o traballo coas accións de diversa índole que poden integrar un espectáculo), a dicir dun dos meus teóricos preferidos, Peter Szondi, debe formularse na esfera do “entre”. Este, para min, é o acicate principal: as ecuacións relacionais nas que semella consistir o vivir e as súas voltas e reviravoltas.
Para min, ademais, o proceso dramatúrxico ten moitas concomitancias coa música, coa danza e coa poesía. É unha harmonización, unha formalización de movementos cunha fonda dimensión existencial, filosófica e política, tamén íntima. Nesa encrucillada intento traballar. (…)
– P: Que parte do trabalho teatral reivindicarias por não ser suficientemente conhecido?
– AB: Claramente, o ámbito máis marxinado, descoñecido e pouco valorado social e teatralmente en Galiza é o da dramaturxia. E sen dramaturxia non hai teatro. A dramaturxia non só é a escrita de obras de literatura dramática que empregan a palabra como centralizadora da acción, senón tamén as partituras para outras tipoloxías teatrais, alén do logocentrismo, nas que unha mirada, un xesto, unha coreografía, un feixe de luz… poden producir orgasmos semánticos e importantes efectos cognitivo-emocionais na recepción.
Ou sexa: a dramaturxia é a enxeñaría do teatro, o estudo e a reflexión prácticos de como darlle sentido (dirección) ao conglomerado de accións escénicas. (…)”