Neira Vilas, brillo e arte da Galicia rural

DesdeXosé-Neira-Vilas-150x150 BiosBardia:
“Moitos galegos leron os seus libros e gozaron da súa bondade e os seus coñecementos. Con eses dous ronseis presentes reconstruímos unha parte central das nosas vidas e da identidade de Galicia. Velaquí algunhas das súas reflexións nos anos 2001, 2005 e 2012. (Por Xan Carballa):
– Xan Carballa (XC): Que representou o regreso despois de máis de 40 anos na emigración?
– Xosé Neira Vilas (XNV): Vivín doce anos na Arxentina e trinta e un en Cuba. Corenta e tres anos é moito tempo e no comezo resulta difícil a reinserción. Desde 1972 vin aquí unhas catorce veces, con Anísia, e entre esas viaxes e máis o contacto permanente con amigos, parentes, colegas, e a relación epistolar con editoriais e institucións culturais, estaba informado sobre o acontecer do país. Por outra banda, desde que “descubrín” Galiza, no comezo da década dos cincuenta, en Buenos Aires, en contacto con grandes mestres da nosa cultura (Seoane, Dieste, Lorenzo Varela, Alonso Ríos, Suárez Picallo…), desenvolvín un constante activismo, que podo denominar patriótico, ao longo de catro décadas. Parafraseando a Castelao vivín “Sempre en Galiza”. Cando se vive tantos anos lonxe xa un non é dun só lugar. Eu son esencialmente galego, pero tamén son algo arxentino e bastante cubano. En 1992 Anísia e eu, xa xubilados ambos, radicámonos aquí, onde seguimos traballando. Nos primeiros anos visitamos ducias de escolas e institutos, e mantivemos coloquios con milleiros de estudantes. Era unha boa maneira de pulsar o país. Ademais, conferencias, congresos, xornalismo, creación literaria. Comparto a idea de Chaplin de que o traballo é a mellor medicina para orientar a existencia… cando é un traballo que nos agrada. Nos últimos tempos temos unha ocupación adicional: atender o Centro Cultural de Gres, o único do seu tipo en toda Galiza no rural. Aínda que só fose polos nenos e as nenas que veñen á biblioteca xa estaría xustificada esta dedicación. (…)
– XC: A psicoloxía dos rapaces foi o centro de moitas das súas angueiras literarias.
– XNV: Moitos dos meus libros séguenos pondo nas escolas e, polas moitas veces que me reunín cos meus lectores, coido que deben tocarse mecanismos da psicoloxía dos máis novos que permanecen no tempo, independentemente das circunstancias vitais, tan diferentes ás do rural galego de hai 60 anos. Aínda dentro das carencias da época que retratei, o afán de facerse a un propio, de divertirse, de formar un grupo con afinidades… todo iso traspasa o tempo e as circunstancias. (…)
– XC: Foi emigrante máis que exiliado?
– XNV: Marchei por razóns económicas e tamén culturais. Aos 16 anos estaba traballando na oficina dun serradoiro, cun salario decente, pero quería seguir estudando e cando procurei traballo en cidades galegas non o atopei. Marchei coa idea de traballar de día e estudar de noite. Funme en 1949. Son parte daquela riada que marchou despois da II Guerra Mundial. Estudei unha chea de cousas e rematei Xornalismo. Ademais de todo iso na emigración descubro Galicia, e alí tiven mestres e amigos como Seoane, Suárez Picallo, Dieste, Lorenzo Varela ou Ramón de Valenzuela. Achegueime a eles tamén por coincidencia política, porque realmente non era facer cartos o meu obxectivo primeiro e con eles traballei nas editoriais, nas revistas, nas audicións radiais… (…)”