Reunida en Santiago de Compostela, a xunta directiva de GÁLIX decidiu por unanimidade nomear Socia de Honra 2015 á escritora Helena Villar Janeiro.
A entrega do galardón terá lugar o día 9 de decembro ás 13:30 h. nun acto escolar aberto ao público no IES Xelmírez I de Santiago de Compostela, centro no que a homenaxeada exerceu a docencia.
A escritora María Solar realizará a correspondente laudatio. Despois, o alumnado do centro participará coa lectura de textos de Helena Villar Janeiro e manterá con ela un diálogo sobre a súa obra e vivencias no centro escolar. Logo da resposta da homenaxeada á laudatio, o presidente de GÁLIX fará entrega da escultura, deseño de Noemí López, que acredita o nomeamento.
En anteriores edicións, foron declarados Socios de Honra os autores de literatura infantil e xuvenil Xavier Senín, Xosé Neira Vilas, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey e Xoán Babarro.
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2015