Comunicado da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG):
Apoio á continuidade do Premio de poesía “Victoriano Taibo”
“O Consello Directivo da AELG manifesta o seu apoio á continuidade do Premio de poesía Victoriano Taibo.
As escritoras e os escritores galegos recoñecemos nesta iniciativa do Instituto de Estudos Miñoranos, IEM, o esforzo por dar a coñecer e enxalzar a figura dun escritor galego inxustamente esquecido e que tan unido estivo á localidade en que o premio nace. Tamén queremos recoñecer a importante achega que un premio literario coma este significa para a nosa literatura, pois para alén de divulgar a figura de Taibo, achega novas obras e autoras e autores á casa literaria de noso, ampliando a súa extensión, diversidade e importancia, algo que coincide plenamente cos desexos do autor homenaxeado e que é obxectivo esencial desta Asociación.
A traxectoria do premio Victoriano Taibo converteuno nun dos certames poéticos de referencia no noso país, unha convocatoria que as e os poetas agardan con expectación. É, por tanto, imprescindíbel para o noso panorama cultural.
A nosa literatura, que é dicir a nosa lingua e a nosa cultura, non entende que as mudanzas políticas que emanan do exercicio da democracia poñan en risco o que é de todas e de todos. A nosa lingua, esa que en palabras de Taibo nos fai merecentes da nosa terra, é un patrimonio que debemos defender porque a todas e todos pertence. Así, este premio literario que quere provocar o uso da nosa lingua para construír con ela pracer, reflexión, arte.
Por iso, desde a AELG laiámonos das dificultades que este certame ten que pasar e facemos un chamamento ás institucións de Gondomar para que, non só apoien e garantan o futuro deste premio como até agora fixeron, senón que contribúan á súa ampliación e afianzamento.
Longa vida ao premio Victoriano Taibo.
10 de decembro de 2015
O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega”