Desde o Concello de Dodro:
“O sábado 12 de decembro produciuse na Casa da Cultura de Dodro o fallo do xurado da XXVIII Edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, na que resultou como gañador Xerardo Quintiá Pérez coa súa obra Fornelos&Fornelos. Segunda Fundación. A obra do poeta, narrador e autor de literatura infantil e xuvenil, forma parte de Fornelos&Fornelos, cuxa primeira parte, Fornelos&Fornelos. Primeira Fundación, foi premiada co Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño na súa XI Edición.
O xurado destacou o elevado nivel de todas as obras que se presentaron ao Premio, decantándose pola de Quintiá debido ao seu estilo sobrio e limpo, que vai ao esencial mantendo un ritmo constante que alterna poemas con moita musicalidade con outros máis próximos á prosa ou á lingua falada dándolle riqueza tonal. O poemario é unha constante reflexión do que somos, facendo unha intersección entre pasado e presente, con referencias culturalistas da literatura universal que enriquecen o texto e lle dan un novo sentido.
Grazas aos membros do xurado pola súa colaboración, e tamén grazas a Manuel Lorenzo, irmán do noso autor, e aos seus dous amigos, Paulino Vázquez e David Pérez Iglesias, sempre presentes para lembrar a Eusebio.
A cerimonia de entrega será o próximo día 19 de decembro ás 17:30 horas no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón, onde vos agardamos a todos e todas para honrar novamente ao noso poeta.”