Xerardo Quintiá: “A de Man de Camelle é unha historia de procura dunha liberdade absoluta e radical”

Entrevista Xerardo Quintiáde Montse Dopico a Xerardo Quintiá en Praza:
“(…) – Praza (P): Por que decidiches escribir unha novela sobre Man de Camelle [O viaxeiro radical]? Foi despois da súa morte, polo do Prestige?
– Xerardo Quintiá (XQ): Porque me parecía unha historia moi atractiva, a partir da cal se pode falar de moitas cousas. Ademais, despois da súa morte, Man podía quedar ademais un pouco no esquecemento. Sempre quixen coñecelo, ir visitalo, pero non o fixen. Cando foi o Prestige mesmo estiven traballando como voluntario naquela zona, pero non cheguei a coñecelo. Foi despois do seu pasamento cando decidín escribir esta historia. Nun principio foi bastante difícil porque non sabía desde que perspectiva tratalo. Escribín uns poucos folios e despois tardei anos en retomala. Quixen achegar o que puidera. A historia de Man dá para moito. Fixéronse máis cousas: unha web, unha casa-museo, hai un documental.. É un tema que pode tratarse desde moitas perspectivas. (…)
– P: (…) Ao perigo de que non resulte verosímil. De que o personaxe non resulte real.
– XQ: O máis difícil, en realidade, non foi iso. Foi afastarse dos clixés que había sobre el: o tolo de Camelle que se bañaba espido e ía con taparrabos… Claro que tamén quixen darlle profundidade, emotividade, para que resulte veraz, verosímil. (…)
– P: Gañaches o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón por Fornelos&Fornelos, segunda fundación. Un libro no que está moi presente a procura do lugar, como en O viaxeiro radical.
– XQ: Fornelos & Fornelos ía ser, en principio, unha triloxía. Pero vai ser máis. Un corpo poético co que vou seguir mentres poida. Fornelos&Fornelos, primeira fundación e Fornelos&Fornelos, segunda fundación, son parte dun mesmo proxecto, nese sentido. É a constatación do lugar, a evocación do lugar, un intento de salvar o lugar a través da palabra. (…)
– P: Fala tamén da poesía como un xeito de salvarse da indixencia. Ten algo metaliterario.
– XQ: Si, a poesía pode ser un xeito de salvarte, de todas esas indixencias que cito, a través da palabra, do idioma. Mais tamén é un intento de salvar un mundo que se extingue a través da palabra.
– P: Iso estaba se cadra máis presente na primeira parte. O rural que esmorece. Tamén porque estaba máis a infancia.
– XQ: Este libro evoca, non é que fale da desaparición do rural. É un canto a algo que xa non existe, cunha vertente aquí si existencialista, non existencial. Si que é verdade que na primeira parte estaba máis a infancia. Este segundo é máis reflexivo, como dicía.”

Xerardo Quintiá fala de Fornelos & Fornelos. Segunda Fundación

DesdeXerardo Quintiá o Diario Cultural da Radio Galega:
“O escritor Xerardo Quintiá fálanos de Fornelos & Fornelos. Segunda Fundación, o libro co que gañou o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón de poesía. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”

Xerardo Quintiá gaña o XXVIII Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón con Fornelos&Fornelos. Segunda Fundación

DesdeXerardo Quintiá o Concello de Dodro:
“O sábado 12 de decembro produciuse na Casa da Cultura de Dodro o fallo do xurado da XXVIII Edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, na que resultou como gañador Xerardo Quintiá Pérez coa súa obra Fornelos&Fornelos. Segunda Fundación. A obra do poeta, narrador e autor de literatura infantil e xuvenil, forma parte de Fornelos&Fornelos, cuxa primeira parte, Fornelos&Fornelos. Primeira Fundación, foi premiada co Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño na súa XI Edición.
O xurado destacou o elevado nivel de todas as obras que se presentaron ao Premio, decantándose pola de Quintiá debido ao seu estilo sobrio e limpo, que vai ao esencial mantendo un ritmo constante que alterna poemas con moita musicalidade con outros máis próximos á prosa ou á lingua falada dándolle riqueza tonal. O poemario é unha constante reflexión do que somos, facendo unha intersección entre pasado e presente, con referencias culturalistas da literatura universal que enriquecen o texto e lle dan un novo sentido.
Grazas aos membros do xurado pola súa colaboración, e tamén grazas a Manuel Lorenzo, irmán do noso autor, e aos seus dous amigos, Paulino Vázquez e David Pérez Iglesias, sempre presentes para lembrar a Eusebio.
A cerimonia de entrega será o próximo día 19 de decembro ás 17:30 horas no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón, onde vos agardamos a todos e todas para honrar novamente ao noso poeta.”