Xerardo Quintiá gaña o XXVIII Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón con Fornelos&Fornelos. Segunda Fundación

DesdeXerardo Quintiá o Concello de Dodro:
“O sábado 12 de decembro produciuse na Casa da Cultura de Dodro o fallo do xurado da XXVIII Edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, na que resultou como gañador Xerardo Quintiá Pérez coa súa obra Fornelos&Fornelos. Segunda Fundación. A obra do poeta, narrador e autor de literatura infantil e xuvenil, forma parte de Fornelos&Fornelos, cuxa primeira parte, Fornelos&Fornelos. Primeira Fundación, foi premiada co Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño na súa XI Edición.
O xurado destacou o elevado nivel de todas as obras que se presentaron ao Premio, decantándose pola de Quintiá debido ao seu estilo sobrio e limpo, que vai ao esencial mantendo un ritmo constante que alterna poemas con moita musicalidade con outros máis próximos á prosa ou á lingua falada dándolle riqueza tonal. O poemario é unha constante reflexión do que somos, facendo unha intersección entre pasado e presente, con referencias culturalistas da literatura universal que enriquecen o texto e lle dan un novo sentido.
Grazas aos membros do xurado pola súa colaboración, e tamén grazas a Manuel Lorenzo, irmán do noso autor, e aos seus dous amigos, Paulino Vázquez e David Pérez Iglesias, sempre presentes para lembrar a Eusebio.
A cerimonia de entrega será o próximo día 19 de decembro ás 17:30 horas no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón, onde vos agardamos a todos e todas para honrar novamente ao noso poeta.”

Lugo: presentación de Fornelos & Fornelos, de Xerardo Quintiá

O venres 3 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase o libro gañador do XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, Fornelos & Fornelos, de Xerardo Quintiá, publicado en Espiral Maior. No acto, organizado pola Agrupación Cultural Ergueitos, participan, xunto ao autor, María Casar, Baldo Ramos e Miguel Anxo Fernán-Vello.

Sarria: presentación de Fornelos & Fornelos, de Xerardo Quintiá

O venres 18 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Sarria, preséntase o libro Fornelos & Fornelos, de Xerardo Quintiá, publicada en Espiral Maior, obra gañadora do XI Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño. No acto, coorganizado pola editorial, o Concello de Sarria e a A. C. Ergueitos, participan, xunto ao autor, Xiana Arias, Miguel Anxo Fernán-Vello, Francisco Pérez e María Casar.