Entrevista a Andrea Porto Mato en Noticieiro Galego

EntrevistaAndrea Porto Mato de Carlos Loureiro a Andrea Porto Mato en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Ti mesma tes dito que a túa vida viaxa entre “notas, palabras e acordes”… Que supuxo, e supón, a arte musical para as túas palabras, para os teus versos?
– Andrea Porto Mato (APM): A música é a miña forma de vida, é a miña profesión e ao mesmo tempo unha das miñas principais afeccións. Resúltame imposible pensar como sería eu se non tivese cantado, tocado e bailado como fixen ata o momento. Tendo en conta isto, tampouco podo imaxinar como escribiría se non estivese a música tan presente na miña vida.
Nos meus primeiros libros, Eco in aeternam e SaLGada, a música está presente dun xeito explícito, sendo no segundo deles un dos eixos temáticos que van tecendo o poemario. En Caleidoscopio, fuxín desa presenza musical explícita para dar paso a outras experiencias. Aínda así, a música é o prisma de cores a través do cal vexo o mundo que me rodea polo que, dun xeito ou outro, a música sempre está presente no que escribo. (…)
– NG: Ti soes traballar abondo cos sentidos (oído-música, pintura-vista, tacto…). Que ten a túa obra de toda esta sinestesia?
– APM: Persoalmente, paréceme que esa posibilidade de interconectar os sentidos é marabillosa. Un dos primeiros recordos que teño sobre a poesía é un poema de Pimentel que fala dun “fagot de noces”. Supoño que ese poema foi o que fixo “clic” na miña cabeza servindo como punto de partida nese camiño de procura sinestésica. No eido da música tamén me sinto moi atraída pola teoría de Skriabin sobre as cores na música. Este compositor ruso gabábase de poder “oír cores” e eu, dalgún xeito, sempre sentín ese tipo de conexións, por iso, á marxe da intención literaria, que obviamente tamén está presente, simplemente polo que me afectan e me atraen, este tipo de relacións adoitan aparecer nos meus textos.
– NG: Sempre falamos de que en lírica son máis que importantes os premios para unha futura publicación… Non cres que apenas temos certames que conleven publicación e que a maior parte deles son efémeros?
– APM: Supoño que toda axuda é pouca. Persoalmente, os certames e premios brindáronme a oportunidade de publicar os meus traballos, igual que lle aconteceu a outros creadores e creadoras noveis, polo que creo firmemente no papel que xogan este tipo de iniciativas para promover a cultura e a creación. Porén, penso que o verdadeiro quid da cuestión é que non existe un público amplo lector de poesía. De habelo, a demanda de textos poéticos favorecería a ampliación do mercado editorial máis ligado á poesía e sería, por tanto, e tal e como ocorre actualmente con outros xéneros, máis doado publicar que na actualidade. (…)
– NG: A nosa lírica contemporánea está a vivir un momento doce, especialmente porque vemos como escriben as plumas nacidas a fins do século pasado… que lle falta para dar ese forte chimpo que a universalice?
– APM: Gustaríame ter a resposta a esta pregunta pero non a teño. Supoño que tempo. Sempre se di que o tempo pon a cada quen no seu lugar e pode ser que así sexa. As nosas letras están vivindo un momento doce, como dis, no que respecta á produción pero non será ata dentro de anos ou décadas que saibamos o impacto deste momento. (…)”