Desde a Fundación Xosé Neira Vilas:
“Na tarde do venres 18 do mes de nadal de 2015, na sede da Fundación Xosé Neira Vilas, reuniuse o xurado do Premio Arume de Poesía para nenos ó obxecto de fallar a súa oitava edición. O xurado, composto por: Juan Andrés Fernández Castro (presidente), Luís Reimóndez Fernández e Rosalía Morlán Vieites -que actuou á súa vez como secretaria-, destacou a cantidade e calidade dos traballos recibidos, entre os que resultou elixido por unanimidade o poemario titulado Soños de nenos que, unha vez aberta a correspondente plica, resultou ser da autoría de Mónica Inés Varela Gestoso.
O xurado apreciou neste poemario, de versificación áxil e luminosas imaxes, todo un mundo de elementos tenros e marabillosos, tecidos por unha persoa que denota un perfecto coñecemento da alma infantil. A súa lectura pode facilitar un primeiro contacto coa lírica e ofrecer ós mestres un valioso recurso educativo.
A entrega do premio terá lugar o mes de xaneiro en data por determinar que será comunicada oportunamente.
Esta demora débese á luctuosa circunstancia (de xeral coñecemento) pola que atravesa esta Fundación.
A Fundación Xosé Neira Vilas quera aproveitar este comunicado para agradecer todas as mostras de adhesión e condolencia recibidas nestes días.
Gres, Vila de Cruces, 18 de decembro de 2015″