Unha “xenciana” de Manuel María

Desde Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Todos os anos bota a andar este blog cun poema e penso que este ano cómpre facelo cun de Manuel María. Incorporo abaixo, así pois, un poema mecanografado e asinado polo autor que me fixo chegar en marzo do 2000 para formar parte do libro-homenaxe ao poeta trivés Manuel Luís Acuña que se editaría ese mesmo ano en Edicións Xerais.
Pouco despois, en 2004, a revista Xistral incluiría, en forma dun suplemento unha colleita de dez poemas no que este se incluía en primeiro lugar, con algunhas variantes ecdóticas, baixo o título global de “Poemiñas ás xencianas de Cabeza de Manzaneda”, separata que contaba cun prólogo de Xosé Lois García. A xenciana, xanzá ou xenzá -planta que, tras dez anos de espera, dá a súa flor en outono- foi sempre moi apreciada e procurada polo poeta chairego e aquí vincula con Acuña, poeta natural das terras de Trives. Creo que pode ser, o da xanzá, un fermoso símbolo para asociala á memoria de Manuel María, poeta con maiúsculas a quen se debe homenaxear como ben merece este 2016.”

dsc_0031